Amigus
As Pontes

SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: O ESTEO FS-SD XOVE FS (4-4)

O Esteo despide o ano ante a súa afección cun empate ante o Xove

Empate do Esteo 4-4 no derradeiro encontro en casa da primeira volta e do 2017. O partido tivo dúas partes diferenciadas, unha primeira na que o equipo local se foi ó descanso con solvencia e unha segunda na que case acabou pedindo a hora.

Nun encontro trepidante que rematou case que ás 11 da noite, comezaron adiantándose os locais nunha falta que botou Héctor e anotaba Martín o seu décimo tanto da campaña de forte zapatazo dende fóra da área (7´), e logo, tras ser expulsado o porteiro titular visitante por atallar un balón coas dúas mans fóra da área, no xogo de catro para tres, Diego deixoulla a Gerardo que marcou a pracer chegando dende atrás o 2-0 (9´).

Sen embargo, non sacou máis rédito o Esteo do desconcerto visitante e do nerviosimo dun porteiro suplente que se foi afianzando co paso dos minutos. Antes do descanso, apenas resaltar un balón que pica maxistralmente Pana e sae a rentes do pau (14´).

O segundo tempo comezaba cun trallazo de Martín, que petou na cruceta e botou na liña (22´), ó que respondía o cadro lucense nunha acción na que un xogador quedou só e salvou Javichu (24´).

Co paso dos minutos facíanse máis fortes os visitantes e máis cansaba o Esteo, que só puido empregar a oito xogadores, debido ás habituais baixas e ós xogadores en formación, e tampouco estiveron atinados nas xogadas a balón parado, e así, recurtaba distancias o goleador Manu nunha xogada de estratexia (26´).

E noutra falta, de Dani, ó que se lle escapaba un rival, acabou desviando Pana o balón cara a súa portería situando o 2-2 no electrónico (29´), pero resarcíase poucos segundos despois o gran xogador de Pontedeume ó meter a punteira nun pase de Rober Paz (29´).

Pero foi noutra xogada a balón parado, que o capitán visitante quedou completamente só ante Javichu dentro da área e voltou a igualar o marcador (32´). Por terceira vez no encontro voltaba a poñerse por diante os locais no marcador tras unha falta lateral sacada por Gerardo que acaba introducindo na súa portería Mini (36´).

Pero a pouco do final empataba tamén por terceira vez o Xove cando coa posesión do balón os locais e con porteiro-xogador os visitantes unha suposta infracción de Rober Paz custáballe o segundo cartón e os visitantes anotaban ós poucos segundos, aproveitando a súa superioridade de catro para tres.

No minuto e medio restante houbo ocasións para ambos conxuntos, pero o marcador non se moveu e segue o gafe do Esteo co equipo lucense ó que non conseguiu vencer nesta Segunda División B. Os de Javi Saa, con 17 puntos, rematan a primeira volta visitando ó líder Zamora.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Javichu, Martín, Héctor, Pana, Rober Paz – cinco inicial – Gerardo, Dani, Diego.

SD XOVE FS: Pulido, Keko, Nete, Mini, Manu- cinco inicial – Fajardo, Antón, Rubén, Souka, Pancho, Aitor.

ÁRBITROS: Castro Nantes, Vilas Martínez, Fontán Pérez (Pontevedra-Santiago). Expulsaron con vermella directa ao porterio Pulido (8´), e con dobre amárelo a Rober Paz (38´). Amarelas a Javichu, Dani, Fajardo, Rubén e Manu

GOLES: Min. 7 (1-0), Martín. Min. 9 (2-0), Gerardo. Min.26 (2-1), Manu. Min. 29 (2-2), Pana, pp. Min. 29 (3-2), Pana. Min. 32 (3-3), Nete. Min. 36 (4-3), Mini, pp. Min. 38 (4-4), Aitor.

INCIDENCIAS: Pavillón Municipal da Fraga. Partido correspondente á duodécima xornada de Liga, sétima na casa. Uns 250 espectadores, con moita cativería.

Nova cortesía Xose Ferreiro e Moisés Fernández

También podría gustarte
Comentarios