A Fiscalía advertiu dos problemas malia arquivar as investigacións

A grande acidez das augas é outro dos problemas que afronta o lago artificial
[Xornal.com] O enchido do oco da antiga mina das Pontes, así como a acidez e mortandade provocada no río Eume (que achega auga á lagoa artifical) e nos seus afluentes polas obras da autovía Ferrol-Vilalba foi motivo dunha investigación penal por parte da Fiscalía de Medio Ambiente. No entanto, o Ministerio Público decidiu o mes de maio arquivar o proceso, malia advertir dos riscos que supoñen ambas as dúas actuacións.


“Comportan, sen dúbida, unha intervención que alterará dun xeito significativo a contorna natural”, dicía a Fiscalía, que se remitía, no entanto, “á estrita legalidade” dos proxectos para deixar en nada as denuncias de varias asociacións ecoloxistas.
O documento da Fiscalía especificaba daquela que, ademais dos informes solicitados á Xunta, que autorizou o enchido da mina, tamén encargou ao Seprona unha inspección. O informe do servizo da Garda Civil foi contundente ao explicar que o río que alimenta as Fragas do Eume “pode chegar a provocar unha auténtica catástrofe ecolóxica”. Ademais, engadía que o enchido da mina “podería non solucionar, senón agravar os problemas ambientais que trata de resolver”.
Así, a Fiscalía falaba do “forte impacto” da intervención de Endesa e dun “panorama nada alentador”, pero “non constitutivo de delicto”, polo que prorrogou as dilixencias informativas e encargou outros informes ás universidades galegas, malia “entender a controversia social”.
“UNHA ACTUACIÓN DISCUTIBLE”
Os ecoloxistas foron, e seguen sendo, moi críticos coa decisión da Fiscalía. “A súa actuación foi discutible e ben contraditoria, e xa nos plantexamos denunciar nós directamente”, di Fins Eirexas, secretario executivo de Adega.
Á marxe dos problemas de contaminación do río, Eirexas lembra que “os riscos sísmicos non son un tema baladí”. “Os últimos estudos xeolóxicos demostran que as fallas están activas e xeran movementos sísmicos, pero parece que iso non preocupa”, asegura. De feito, a Fiscalía recibiu un completo informe asinado por Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, da Coruña.
“Mandeille todos os estudos posibles, pero quen en realidade ten que facer estes informes son Endesa e a Xunta”, di, antes de lembrar que o fiscal lle solicitou datos máis completos. “Que hai máis completo que todo o que lle enviei?”, di Vidal Romaní, que non dubidou en advertir dos riscos á propia empresa. “Envieille á compañía e ao director da mina un documento de toda a actividade sísmica de Galicia e as zonas de perigo, pero ou non o viron ou non o queren ver”, remata.
Vidal Romaní ve no risco sísmico o maior problema para o oco da mina, pero hai máis, xa que as augas do Eume que se trasladan mediante un canal ao lago artificial reciben constantes contaminacións e teñen uns niveis de PH que nin tan sequera se achegan a uns parámetros normais.
Ademais, a ausencia de lignito na mina e o contacto da auga coas lousas piritífieras e cos propios sedimentos provoca unha forte acidez e impacto na auga doce. “O carbón facía un efecto tampón que diminuía a acidez, pero agora iso non ocorre e habería que agardar moitos anos ata que se creasen novos sedimentos”, explica. Un estudo da Universidade da Coruña evidencia que nas augas do Eume atópanse gran cantidade de metais pesados desde que se empezou a encher a mina.
Todo isto é o que provoca que se teña que corrixir a acidez da auga botando constantemente caliza ao lago artificial, uns traballos que deberán ser “de por vida”, como explica este catedrático de Xeoloxía, decepcionado coa empresa, pero sobre todo cos poderes públicos, “que están advertidos”. “Todos calaron, os dunha cor e os da outra”, di Vidal Romaní. “Hai temor a esta gran multinacional porque nin a Fiscalía se atreveu”, sentencia Fins Eirexas.

También podría gustarte
Comentarios