Concello e traballadores non dubidan do proxecto
O alcalde das Pontes e o plantel de Endesa confían na seguridade dunha infraestrutura que ten un control diario e que
o terá que ter no futuro
[Xornal.com] As dúbidas existentes arredor da construcción do lago artificial das Pontes non preocupa demasiado nesta localidade coruñesa, polo menos no que se refire ao Concello e aos traballadores do complexo de Endesa. Todos confían na rexeneración, á que está obrigada a empresa, e que aspira a ser un polo de atracción turística, tanto sexa polo seu valor paisaxístico como polas actividades náutico-recreativas que aspiran a realizarse.
Valentín González Formoso, alcalde das Pontes, ve o lago como se ve en Alemaña. Fomos ver unha experiencia similar e copiamos un modelo con moito éxito e que segue funcionando perfectamente, asegura. Para o rexedor, non hai motivos para dubidar dun futuro lago que podería a axudar a revitalizar unha zona vencellada desde sempre á central térmica, unha das instalacións máis contaminantes do Estado. Nós non temos por que, nin somos quen de dubidar da Xunta de Galicia, a Administración que autoriza este proxecto e que vela pola súa seguridade, insiste.
Ante as dúbidas plantexadas por algúns expertos, González Formoso amosa respecto, pero tamén é claro: Seguro que se falo cun xeólogo en contra do proxecto, acaba convencéndome, pero se falo con outro que estea a favor, tamén me acabará convencendo en cinco segundos, manifesta, tras aclarar que el non é ningún experto. Téñome que fiar dos que autorizaron o lago e dos que controlan que todo se desenvolva de xeito correcto, engade. Entre os traballadores do complexo industrial de Endesa, as opinións son semellantes. Temos contactos constantes coa dirección da empresa e o que nos transmiten é que o enchido estase realizando con todas as restriccións e coidados que se requiren, asegura Miguel
Ángel López, presidente do comité de empresa.
Lemos cousas e sabemos dos ricos dos que advirten algúns expertos; é lóxico pola gran cantidade de auga que se vai meter aquí, pero nós entendemos que Endesa realiza controis diarios para evitar calquera tipo de problema, reflexiona. O que si advirte é que será unha instalación que precisará un control permanente no futuro, tanto pola súa magnitude como pola cercanía do núcleo urbano das Pontes e das centrais térmicas e de ciclo combinado, a menos de 200 metros da ribeira do futuro lago. Se alguén autorizou a súa construción aí será porque avaliou e controlou todos os riscos, asegura.
NUNCA ADVERTIMOS OS PERIGOS
Os traballadores nunca advertimos estes perigos, aínda que é entendible que ecoloxistas e expertos o fagan; se nós pensásemos iso, non viriamos traballar, engade.
A empresa, pola súa banda, prefire non facer declaracións de réplica logo de coñecer que este medio contactara con ecoloxistas e xeólogos que advirten do risco dunha infraestrutura de tal magnitude. No entanto, ofrécese para explicar a pé de lago todas as bondades dun proxecto que defende con vehemencia.
De feito, a paisaxe deprimente que ofrecía a mina hai uns meses converteuse nun encoro que agarda aínda a chegada de montes que acompañen as ribeiras do futuro lago. Queda moito, pero o resultado, á marxe dos riscos que traia, ha ser espectacular.
Para o futuro, en 2012 cando estea rematado o proxecto, hai milleiros de ideas, aínda que sempre se falou de crear unha enorme área de lecer na que se poidan realizar todo tipo de actividade recreativas, por suposto as náuticas.
Temos que pensar con moita xente, tanto expertos en Medio Ambiente, como turísticos ou de infraestruturas porque este é un proxecto do pobo e para o pobo e recolleremos ideas de calquera que nolas queira achegar, lembra o alcalde das Pontes, ilusionado coas expectativas de futuro que presenta a lagoa.
Entre as opcións tamén está a de destinar grandes cantidades de auga para a industria pesada ou para calquera outro uso industrial. Entre os proxectos, un da Universidade de Santiago de Compostela que propón o aproveitamento xeotérmico do lago para auga quente e climatización destinado aos habitantes das Pontes.
O estudo, realizado por un equipo da Facultade de Física dirixido pola decana, Ángeles López Agüera, recibiu xa o recoñecemento internacional ao ser finalista dun premio de investigación en enerxías renovables. O obxectivo: reutilizar unha zona contaminada e danada para crear riqueza na vila que máis a sufriu. Os riscos, eses que ameazan a moito máis longo prazo, aínda están por ver. Moitos, no entanto, advirten dun perigo real.