A UNIÓN MUSICAL DE COBISA (TOLEDO) OFRECEU UN CONCERTO NAS PONTES

A banda municipal de música da pequena vila de Cobisa, duns 4.500 habitantes situada a uns cinco quilómetros ó sur de Toledo, a capital manchega, deu este martes un concerto nas Pontes que, en principio estaba previsto no parque Campo da Feira; pero, debido ó vento trasladouse ó auditorio do edificio de Cultura “Casa Dopeso”, o cal, pese a ser un día de agosto rexistrou unha boa asistencia de público.
A agrupación musical toledana, da terra das andanzas do lendario Don Quijote, ofreceu este concerto de xeito altruísta dado que a súa presidenta, Rocío Ruiz Tordera, ten familia na vila pontesa, e foi aproveitando unhas xornadas de convivencia que fan tódolos anos os membros desta agrupación musical toledana, e nesta ocasión correspondeu polo país de Rosalía de Castro e de Castelao, que comezaron o luns 18 para regresar á súa localidade este xoves.
O público asistente gozou da música ofrecida por esta xoven banda, a cal con apenas sete anos de vida conta xa cun amplo prestixio no mundo das bandas de música. No seu concerto ofreceron pezas moi coñecidas, como o pasodoble “Manolete”, “New York, New York”, “El Hombre de La Mancha”, “El Libro de la Selva”, “Quenn in Concert”, e, como non, unha obra galega na honra dos seus anfitrións, “Airiños, aires”, unha rapsodia do compositor lugués Gustavo Freire (1885-1948).
Esta banda musical foi fundada en 2007 e na actualidade conta con corenta músicos de tódalas idades. Está dirixida por Cereal Montealegre Sánchez. Ten ofrecido varios concertos por localidades de Castela A Mancha, así como en vilas de Castela e León, como Puebla de Sanabria e outras. Moitos dos seus compoñentes están hoxe nos Conservatorios Superiores de Música de Madrid e Toledo.
Esta é a primeira vez que actúan en terras galegas. O xoves desprazáronse ata Ares para ofrecer outro concerto e despois de xantar nun coñecido restaurante pontés, este xoves iniciaron a viaxe de regreso á súa terra. Durante o aperitivo posterior ó concerto pontés quedou o compromiso de actuar o vindeiro ano nas festas patronais das Pontes.
cobisa_1.JPG


cobisa_2.JPG
cobisa_3a.JPG
Nova de AF e FJE

También podría gustarte
Comentarios