AMIGABLE. SD O VAL 1 – CD AS PONTES 2

Primeiro triunfo pontés no seu terceiro encontro da pretemporada

O As Pontes xogou este sábado en O Val, Narón, no Campo de Sinde, o seu terceiro amigable de pretemporada, gañando ó equipo local, cuarto clasificado da Primeira Autonómica o ano pasado, por 1-2.

A súa primeira vitoria nestes días, tras empatar 3-3 ante o Castro, e perder 4-2 en Somozas. O partido tivo moitos cambios e probaturas, e non foi unha tarde de moi bo fútbol.

Comezaba da peor maneira posible para os azuis, xa que na primeira aproximación local, o extremo esquerdo desfaise de Iago Vázquez, dispara, e o rexeite de Lino cae nos pes do dianteiro valexo, quen, sen oposición, só ten que empurrar o balón ó fondo das mallas (1´).

Posteriormente vólvese a desmarcar o extremo esquerdo e despexa Lino o seu disparo (18´). Antes do descanso empatou o As Pontes nunha xogada mal defendida polo conxunto local que aproveita Carballeira para superar ó ex gardamallas do equipo pontés Rafa, acabando por rematar a gol o colombiano Mateo sobre a mesma liña de meta (25´).

Trala reanudación, un centro chut dun xogador local dende o medio do campo, marcha por riba do longueiro por moi pouco (49´).

Nos últimos minutos saíron Ramos, Pardo e Eloy, e o equipo de Marco Roca tivo máis mordente en ataque. O propio Pablo Ramos dispara ó poste, o rexeite recolleo Pardo na outra banda, dispara e o balón marcha por pouco (72´). O mesmo xogador de Ortigueira lanza unha falta dende o borde da área, xa que o cancerbeiro valexo colleu o balón fóra coas mans, e o seu disparo marcha a rentes do pau (76´).

Tamén tiveron as súas os naroneses, i é que no segundo período a zaga pontesa tivo moitas probaturas e xuventude, destacando David. Un dianteiro valexo queda completamente só ante Meidán, pero dispara por fora (74´). Tras un saque de esquina empala un defensa local e o balón marcha alto (85´). Unha indecisión de Criado non é aproveitada polo atacante local que remata cruzado a rentes do pau (90´).

A xogada que decidiu o encontro foi tras un pase en profundidade de Josiño, co que Eloy encara a porta i é derrubado. Non se puxo nervioso o goleador coruñés, que engana ó porteiro local situando o 1-2 que resultou definitivo (78´).
Xogaron Lino, Iago, Alex, Jandro, Chis, Fidi, Carba, Vilela, Adrián Iglesias, Jaime e Mateo, entrando posteriormente Meidán, David, Rubén Pardo, Pablo Ramos, Criado, Eloy, Josiño e Óscar Calvo.

O As Pontes encara nos próximos días a primeira eliminatoria da Copa Diputación ante o gañador do encontro entre o Olímpico e o Victoria.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios