AS MELLORES RACHAS DE TRIUNFOS DO CD AS PONTES
O equipo pontés acumulou ó longo da súa historia dúas rachas de once triunfos consecutivos, unha de dez, outra de nove, e outras dúas de oito vitorias seguidas.
CD AS PONTES 2018-19 (11 triunfos consecutivos)
No inicio desta campaña o As Pontes acumulou once vitorias, no que é a maior racha de todas, polo acumulativo de mellor inicio ligueiro da historia e ó igualar tamén as once da segunda volta da 1994-95. Cos triunfos nos partidos da casa ante Viveiro (3-2), Atlético Arteixo (4-0), San Tirso (6-0), Foz (4-0), Agolada (4-0), Sofán (3-1), e a domicilio ante Agrupación Estudiantil (0-5), Arzúa (1-2), Ordes (0-2), Negreira (0-2) e Atlético Coruña Montañeros (1-3).
Nun partido con pouca fortuna perdeuse en Boimorto (3-2), e trala sufrida vitoria deste domingo 1-0 ante o Xallas, ó equipo quédanlle dous rivais incómodos coma Castro e Pobra, e catro etapas pirenaicas co Noia, Sarriana, Ribadeo e Dubra antes do remate desta primeira volta.
CD ENDESA DE AS PONTES 1994-95 (11 triunfos seguidos)
Na segunda volta da campaña 1994-95, tras vencer nin máis nin menos que 7-0 ó posterior subcampión Viveiro, e empatar despois 0-0 en Arousa, o daquela Endesa gañou sucesivamente entre as xornadas 25 e 35 a Ponte Ourense (4-1), Mindoniense (0-2), Ordes (5-0), Estradense (1-3), Burela (5-0), Vilalonga (0-1), Vilalbés (2-1), Deportivo B (3-0), Xove Lago (0-2), Betanzos (3-1), Gran Peña (0-4), ata que na antepenúltima xornada de Liga se perdeu na casa co Celta Turista 0-2.
Ese Endesa quedara Campión de Liga da Terceira División, o segundo campionato da categoría gañado tralo de 1986-87, e tamén conseguira o ascenso a Segunda B, nunha complicada liguiña, un punto por riba do Leganés B, e xa máis alonxados Lealtad de Villaviciosa e Salmantino.
CF CALVO SOTELO 1972-73 (10 triunfos consecutivos)
O mellor inicio ligueiro do As Pontes ata este ano databa da campaña 1972-73. Na Segunda Rexional, nun grupo reducido de nove equipos, o daquela Calvo Sotelo comezara a Liga con dez triunfos, ante Numancia de Ares (7-0), Cedeira (1-3), Galicia de Mugardos (6-0), Cultural Maniños (2-1), Eume Deportivo (1-2), Perbes (1-3), Perlío (3-1), Limodre (0-1), e xa na segunda volta, Numancia de Ares (0-7), Cedeira (3-0), ata que na undécima xornada se empatara en Mugardos 2-2.
Curiosamente nesa Liga o Calvo Sotelo rematara campión sen coñecer a derrota, cun rexistro de doce vitorias por catro empates. Despois conseguira o ascenso á Serie A tras gañar ó Viveiro, cun 2-1 no Poboado e 1-1 en Cantarrana. Naquel equipo estaban o pai e tío do actual adestrador Marco Roca, Manolo e Celso, ou os míticos Manolo Vilaboy e Calpita, entre outros.
CD ENDESA 1977-78 (9 triunfos seguidos)
Outra gran racha de vitorias aconteceu na Segunda Rexional da campaña 1977-78, na que, tras empatar no Val 1-1, entre a xornada 26 e a 34, o Endesa gañara sucesivamente a Cebarca (1-8), Narahío (5-0), Galicia de Cedeira (0-3), UD Piñeiros (5-2), Rápido de Neda (1-4), Ortigueira (8-0), Aspirantes (0-2), San Mateo (13-0) e Sillobre (0-4).
Un rotundo 0-5 do Galicia de Mugardos frenou en seco esa racha, sendo precisamente mugardeses, primeiros, eumeses, segundos, e ponteses, terceiros, os que ascenderon a Primeira Rexional, categoría que se estrenaría na campaña seguinte. Ademais o Endesa fixerao na derradeira xornada cun empate 2-2 en Cedeira, equipo cuarto clasificado cos mesmos puntos. Non obstante, por temas de reestruturacións, nese mesmo ano o Endesa puido haber subido dúas categorías de golpe, pois acabaría xogando a fase de ascenso a Rexional Preferente, perdendo co Antela de Ourense, 2-2 e 4-1.
CF CALVO SOTELO 1965-66 (8 triunfos consecutivos)
Outra racha que se recorde é a da campaña 1965-66. Na Serie A, o Calvo Sotelo obtivera oito triunfos consecutivos. Tras perder co Estradense 1-0, entre as xornadas 16 e 23 gañaron sucesivamente a Bueu (5-0), Arcade (1-2), Bergantiños (3-1), Porriño Industrial (1-2), Noia (5-1), Silva, de Vigo (0-3), Gondomar (0-1), e Arsenal (2-1).
O Ordes puxera fin a esa racha cunha derrota 3-2 na antepenúltima xornada. Non lle perxudicara moito ao equipo pontés dado que xa tiña ascendido a Terceira División, que fixo como segundo, xunto ao Arsenal de Ferrol, campión, finalizando ambos con 42 puntos, dez por riba do Atlético Pontevedrés, terceiro clasificado.
CD AS PONTES 2004-05 (8 triunfos seguidos)
A racha de vitorias máis recente para os afeccionados, ata esta actual, aconteceu de maneira inesperada. Na campaña 2004-05, na Preferente Norte, o As Pontes camiñaba algo lonxe dos dous primeiros postos, pero tras empatar ante o Xove Lago 2-2, entre a xornada 30 e a 37 e co adestrador Marco Roca no campo, sumou oito triunfos ante Atlético Ribeira (2-3), Iberia (2-0), Compostela (1-4), Español (5-0), Lemos (0-3), Boiro (3-2), Sporting Sada (0-6) e Chantada (1-0).
Deu a casualidade que a derradeira xornada o As Pontes visitara Santa Comba para xogar co definitivamente campión Atlético Mineiro, que gañara 4-2 nun encontro no que os visitantes puxeran o fútbol e os locais os goles. Ascenderan daquela Mineiro e Lemos, e o As Pontes, que vencera na promoción de terceiros á Ponte Ourense, quedara sen ascender polo empate 2-2 do Bouzas co Móstoles (1-1 en Madrid), nun encontro no que un gol máis dos vigueses, que lle foi anulado no desconto, houbese aupado ós ponteses á Terceira División.
Nova cortesía de Xose Ferreiro (Arquivos de Antón Ferreiro).