Amigus
As Pontes

«As administracións públicas non están á altura do traballo que está a facer o voluntariado social»

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

xosé castro.jpg
[La Voz de Galicia, por R.P.P.] Empresario, activista social e promotor do desenvolvemento territorial do Eume, despois de trece anos no cargo José Castro Romero repite como presidente de Euroeume. É a cabeza dunha lexión de voluntarios que, sen embargo, non están a contar co suficiente respaldo das administracións públicas.


¿Sorprendido pola redución na asignación de fondos do novo programa Leader?
Si, sorprendido pero negativamente. Cremos que non se tivo en conta a transparencia e a experiencia demostradas, cando saben que Euroeume é un referente e que é unha entidade con criterio e cunha boa xestión. É máis, nalgunha comarca de Galicia non foron capaces de gastar todos os fondos asignados e nesta nova convocatoria lle volven a dar a mesma cantidade ou máis. A nosa bagaxe merecía un premio, e en lugar de ser premiados fomos castigados.
Euroeume solicitaba 9,5 millóns de euros, pero ¿que cantidade daban por boa?
As nosas previsións eran que estivesen entre os 4,5 e os 5 millóns de euros, pero cos 3,4 concedidos non nos alcanza nin de broma para facer un traballo extensivo dos proxectos de desenvolvemento que temos, algúns xa en curso.
E por iso recurrirán a resolución…
De momento, presentamos unha solicitude á Xunta para que nos faciliten a documentación e as actas das reunións nas que se repartiron os fondos entre os proxectos de toda Galicia. Despois examinarémola, e se vemos que o criterio foi xusto, aplaudiremos á Consellería de Medio Rural. Senon, presentaremos un recurso contencioso-administrativo.
Non están moi satisfeitos co apoio recibido…
A nosa mensaxe ten que ser crítica, porque as administracións, todas, non están á altura do traballo que se está a facer dende o voluntariado social. Non está suficientemente valorado. Como exemplo, só dicir que levamos moitos anos tentando que se poñan en valor as Fragas do Eume e de momento non hai nin un plan de usos.
¿Que balance fai deste tempo á fronte de Euroeume?
Son moi crítico e nunca estou satisfeito, pero si orgulloso. Aínda que teñamos feito cousas, está todo por facer, e podería ser a maior velocidade.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios