As novenas xornadas apícolas do Eume inclúen unha cata de meles

[Diario de Ferrol] As novenas xornadas apícolas do Eume comezarán o 24 de outubro cun curso impartido polo biólogo Antonio Gómez Pajuelo na Casa do Mel de Goente. As prazas son limitadas polo que hai que formalizar unha inscrición previa. Durante dous días analizaranse as propiedades físico-químicas e polínicas deste produto. O propio Gómez será o que imparta unha conferencia sobre a calidade do mel o 25 de outubro, ás 18.30 horas, no salón de actos da Casa Dopeso.


O domingo 26 de outubro haberá unha cata de meles. Recoñecerase cun diploma o mellor mel claro e tamén o mellor escuro. Esta característica vén marcada polo tipo de vexetación da que se alimenten as abellas e adoita corresponderse con determinadas áreas xeográficas. As mostras recolleranse ata o día 24 en Goente. Deberán presentarse en botes baixos dun quilogramo, sen ningún tipo de etiqueta.
Os nenos serán os protagonistas das actividades previstas para os días 28 e 29 de outubro. Como aconteceu en edicións anteriores, organízanse cos colexios obradoiros de cera e de mel na que os rapaces aprenden como se extrae e se envasa este beneficioso alimento. Verán vídeos relacionados coa apicultura e xogarán con programas informáticos nos que se dá a coñecer a vida da abella. Tamén verán como se elaboran candeas e flores de cera de distintas cores e, por suposto, non marcharán da Casa do Mel sen probalo, xunto con outros produtos da comarca.
O colofón a estas xornadas será a Feira do Mel das Pontes, o 1 de novembro, que se celebra ó mesmo tempo que a de Fungos.
Paralelamente convócase un concurso escolar de carteis para nenos de Primaria e da ESO. Os orixinais teñen que estar relacionados coa apicultura e incluír a frase “X Xornadas Apículas do Eume”. Establécense catro categorías e catro premios de 100 euros en material escolar. Ademais, de entre os finalistas escollerase o cartel que anuncie as actividades do vindeiro ano. O prazo de entrega dos debuxos remata mañá.

También podría gustarte
Comentarios