Amigus
As Pontes

As Pontes conmemora o Día das Letras Galegas cun concerto e un mercado de libros en galego

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

[aspontes.com] A vindeira semana, Antonio Reigosa e a compañía Migallas Teatro completarán o programa cultural do mes de maio. O Concello de As Pontes tamén celebrará o Día das Letras Galegas a través de varias actividades ideadas mediante o departamento de Cultura para esta fin de semana.


Na mañá do domingo, día 17, está prevista unha actuación da Banda de Música de As Pontes no parque municipal que se abrirá ao público esta mesma tarde. A cita dará comezo ás 12.30 horas aínda que, se a meteoroloxía para esta xornada se presenta adversa, o concerto trasladarase ao salón de actos da Casa Dopeso.
Esta actuación servirá como presentación oficial do novo director da banda pontesa, Jesús López Prado, e na mesma está prevista a participación do escritor Aníbal Ánxel, integrante do grupo poético pontés Alalá.
Asemade, para completar esta xornada de homenaxe á literatura galega, instalarase nos xardíns municipais ou nos corredores da Casa Dopeso, segundo o clima que se rexistre o domingo, varios postos rexentados por librerías pontesas nos que será posible contemplar unha gran colección de obras escritas en galego e adquirir algunhas delas, como libros infantís ou textos xa clásicos como Cantares Gallegos ou Os dous de sempre, entre outros títulos. Este mercado estará aberto en horario de 12.00 a 14.00 horas.
Feira dos Maios
Esta fin de semana, tanto o sábado coma o domingo, tamén terá lugar a Feira dos Maios no casco histórico pontés, unha iniciativa coa que se pretende recuperar a tradicional benvida á primavera e que, coa colaboura do goberno municipal, están a organizar a asociación veciñal Veiga da Areosa e a asociación Rodríguez de Valcarce.
A Feira dos Maios abrirá as súas portas en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e incluirá unha carreira de triciclos para nenos e nenas de entre 0 e 5 anos – tarde do sábado – e un certame literario e de debuxo no que poderán participar tódolos veciños e veciñas que así o desexen, independentemente da súa idade, que deberán presentar os seus traballos ao longo de toda a xornada do sábado. As mellores propostas recibirán un premio aínda que ata o domingo non se dará a coñecer o nome dos gañadores.
Por outra banda, á decoración acorde con esta festa que engalanará as rúas do casco histórico unirase a elaboración dun maio coas iniciais de Ramón Piñeiro López, homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2009.
Asemade, colocaranse diferentes postos para dar vida a un mercado no que se poderán atopar dende produtos doados polos propios veciños ata postres caseiros.
Próximas citas
A programación cultural continuará a vindeira semana coa charla coloquio do escritor Antonio Reigosa que falará dos montros, mitos e lendas urbanas que caracterizan a sociedade e cultura galegas.
As crenzas sobre o mundo dos mortos, a vida existente nas fragas e bosques enfeitizados, as lendas sobre acontecementos misteriosos nos nosos ríos ou as aparicións de virxes e santos serán algúns dos temas que abordará este escritor na cita que estará aberta a todo aquel que se achegue ata a biblioteca municipal no serán do vindeiro mércores ás 19.30 horas.
O mes de maio pecharase cos contos da compañía Migallas Teatro que, o vindeiro día 29, visitará As Pontes para ofrecer unha sesión de contacontos a tódolos nenos e nenas que opten por pasar unha entretida tarde na biblioteca municipal.
A cita, que dará comezo ás 18.00 horas, está aberta á participación tanto dos máis pequenos coma das súas familias a través do seu espectáculo Cantacontos, no que María Campos, coma María dos Contos, e Carlos Yus, que dará vida ao Señor Dorremí, mesturan cancións infantís con contos tradicionais e historias propias, sempre cos pequenos coma protagonistas xa que eles escollerán o desenlace de cada aventura.
A entrada será gratuíta.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios