Amigus
As Pontes

BOTAN DAS SÚAS CASAS AOS VECIÑOS DE ELVIÑA PRA CONSTRUIR CHALETS PRA PROFESORES DA UNIVERSIDADE

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

[Xornal de Galicia ]Os veciños de Elviña-Castro afectados polo proceso de expropiacións para a construción da futura residencia universitaria da Coruña acudiron onte ao edificio da Xunta na cidade para intentar pecharse no despacho do Delegado provincial, Diego Calvo, ao que esixen que paralice o desaloxo de dúas familias, que está previsto para dentro duns quince días. Os afectados, que recibiron as actas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para deixar as súas casas no prazo dun mes hai cousa de dúas semanas, néganse a marchar e piden un prezo xusto por ceder as súas propiedades ou aceptar o realoxamento.
Logo de pasar tres anos en litixios co fin de acadar novas vivendas na contorna da futura área residencial e un prezo de mercado polas súas terras, a Administración parece gañarlle a partida aos veciños de Elviña-Castro. Dúas das once familias que quedarán sen fogar para levar a cabo o proxecto xa recibiron o aviso do IGVS polo que lles indican que quedan dúas semanas para cambiar de dirección.
“Tíñamos o compromiso de Diego Calvo e dun representante do IGVS de non desaloxar a ninguén mentres non se firmasen uns documentos preparados polo Goberno bipartito pero o Instituto levantou actas e intentou colarnos o desaloxo nun mes, co cal incumpren o acordado”, explica o presidente da Asociación de Veciños Elviña-Castro Os Rexumeiros, Carlos Maceiras. De feito, o acordo coa Consellería de Vivenda do anterior Executivo aseguraba a construción de novas casas na zona, antes de botar fóra aos veciños.


Promesa dunha resposta
Dada a indefensión na que se atopan, arredor duns trinta habitantes do pobo achegáronse onte á delegación da Xunta na Coruña para esixirlle a Calvo a paralización duns desaloxos que incumpren o compromiso entre as partes. Pero, segundo fontes da Xunta o delegado atópase de vacacións ata mediados de agosto, xusto despois de que se produzan as primeiras expropiacións forzosas, polo que unha representante do Executivo comprometeuse cos veciños a ter resposta nos próximos días.
“Queremos que se paralice a orde, se retomen as negociacións e se cumpran os compromisos adquiridos”, insiste Maceiras, que avisa de que as Administracións –IGVS, Consellería de Vivenda, Universidade da Coruña e Concello, todos implicados na futura obra, licitada por 24 millóns– só teñen dúas formas de sacalos das súas casas: polas boas ou “cos pés por diante”.
A nai de Luís Gómez será unha desas primeiras desaloxadas, pero só lle ofrecen “sete millóns e medio por unha vivenda de 80 metros cadrados”. “Tecnicamente, é posible facernos outras casas pero non queren, ofértannos pisos na rúa Salvador de Madariaga pero temos que pagalos”, comenta Gómez, acompañado por uns amigos que consideran a situación unha inxustiza. Luis advirte de que terán que quitalo da casa pola forza.
Pola súa banda, Manuel López perderá tres pisos e unha terra de máis de 1.000 metros cadrados por 350.000 euros. “Isto é como estar no corredor da morte pero sen saber cando vas morrer; eu xa tiven un infarto polos desgustos porque fixemos todo co noso sacrificio e pouco a pouco e agora nos rouban”, confesa López co nerviosismo no corpo.
A preguntas de Xornal, o representante veciñal recoñece que non confían moito na Xustiza porque levan “20 anos con recursos sen resolver” debido aos distintos procesos de expropiación que sufriu o pobo. “Cremos que incluso hai casos de prevaricacións porque se concedeu unha licenza de obra cando a residencia non cumpre coa normativa municipal”, denuncia Maceiras.
+ INFORMACIÓN: sanvicenzodeelvinha.blogspot.com

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios