Certame cartel anunciador das festas patronais
A Concellería de Cultura acaba de abrir o prazo para que os que así o desexen presenten as súas propostas para o cartel anunciador das Festas do Carme e A Fraga de 2008.
Ata o mediodía do 28 de maio será posible presentar os traballos a este certame que repartirá un total de 500 euros en premios, un primeiro premio de 300 euros para o debuxo gañador e outros dous de 100 euros, para outros tantos accésits.
Para poder participar neste concurso de carteis é preciso ter entre 14 e 30 anos e presentar un traballo inédito e orixinal, cunhas medidas de 40 x 70 centímetros. Permitirase o uso de calquer tipo de técnica sempre e cando a proposta inclúa o texto: Festas do Carme e a Fraga As Pontes Do 18 ao 25 de xullo de 2008.
Un xurado cualificado, no que tamén estará representado o Concello con voz pero sen voto, será o encargado de escoller o cartel gañador que anunciará as festas do municipio.
As distintas propostas das que sairán os dípticos e carteis das celebracións patronais pontesas deberán ser entregadas ou enviadas á concellería de Cultura, sita na Casa Dopeso, na rúa Rosalía de Castro, número 28, 15.320 As Pontes A Coruña.
Asemade, os carteis deberán entregarse nun sobre pechado co nome, apelidos, enderezo, fotocopia do carné de identidade e teléfono de contacto do autor.
Para máis información é posible contactar co departamento de Cultura a través da dirección de correo electrónico cultura@aspontes.org ou ben telefonando ao 981 44 03 44.