CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 21-22-23 / OUTUBRO / 2016

Ó As Pontes vólvenlle a remontar dous goles de vantaxe e acaba derrotado no 95´ e xogando con nove. Vitorias do feminino e xuvenil, e derrotas do resto de equipos

Ó As Pontes vólvenlle a remontar dous goles de vantaxe e acaba derrotado no 95´ e xogando con nove. Vitorias do feminino e xuvenil, e derrotas do resto de equipos

TERCEIRA DIVISIÓN NACIONAL (Galicia)
AROUSA S.C. – C.D. As Pontes (3-2)

Derrota do As Pontes en Vilagarcía por 3-2. Un equipo azul que gañaba 1-2 no minuto 90, e que vía como por segunda semana consecutiva perdía puntos no desconto, e esta semana os tres. Por riba perde a Ibu, Morrys, e quizais a un Prieto tocado, para recibir ó Ordes no duelo entre os dous únicos equipos aínda sen gañar.
E iso que os azuis comezaban adiantándose cun gol de Edi antes do descanso, e no inicio do segundo era Callón o que poñía o 0-2. Pero faltando quince minutos o equipo local marcaba o 1-2 por medio de Pablo e era expulsado o dianteiro Ibu por dobre amoestación. O peor veu no tempo de prolongación, no que o Arousa anotaba o 2-2 por medio do ex deportivista Sidibé, e logo dispoñía dun penalti no que foi expulsado tras ver o segundo cartón o recén fichado Morrys.
Os azuis levan un só penalti a favor, por seis en contra, catro nas últimas catro xornadas, moi prexudicado polas actuacións arbitrais. Cabanyes mandaba o balón ó poste. E xa con nove xogadores, no minuto 95 anotou Eloy Fariña o 3-2 definitivo, nunha remontada parecida á que acontecera hai dúas tempadas en Ponteareas. Cinco puntos perdidos en dous descontos consecutivos.
Dando por descontado que o corpo técnico fai o que pode coa terrible situación que se lles deixou enriba, a bote pronto, botando a vista atrás, na 1979-80, en Primeira Rexional, o Endesa gañara un partido, ademais dun empate, nas dez primeiras xornadas. Curiosamente a vitoria fora 2-1 ó Ordes, e tamén na undécima xornada gañaran 1-2 ó Carballo. Na 1984-85, na estrea na Terceira División, o equipo pontés sumara cinco empates nas dez primeiras xornadas, gañando na duodécima 1-2 en Noia.
Xogaron polo As Pontes, Paco, Criado, Buyo, Callón, Edi, Rubio (Samu 87´), Ramos, Prieto (Morrys 49´), Ibu, David González, Pardo.

LIGA FEMININA F8 (D. Ferrol)
Cedeira SD – CD As Pontes (1-3)

Triunfo do feminino por 1-3 en Cedeira. Adiantábanse as locais por medio de María, pero tres tantos de Carlota, Paula Castro e Paula Baamonde poñían o 1-3 definitivo antes do descanso. Xogaron, Leti, Vicky, Noelia Santalla, Carolina, Uxía, Noelia Ameneiro, Xeila, Paula Castro, Carlota, Paula Baamonde, Yara e Alba. Cuartas con 18 puntos reciben ó perigoso Mandiá, terceiro coa mesma puntuación, igual que O Val B, polos 24 do Maniños.

1ª AUTONÓMICA XUVENIL 1ª FASE (D. Ferrol)
CD As Pontes – CD San Sadurniño (5-1)

Boa vitoria do xuvenil, 5-1 ante o San Sadurniño, empate a un gol ó descanso, goles de Casas, Cazás, Bruno e dous de Carlos. Xogaron Meidan, Fraga, David, Bruno, Unai, Iago, Carlos, Andrés, Cazás, Casas e Josiño, saíndo despois Lino, Manuel Romero, Manuel Fernández, Alex Barro e Criado. Coa derrota do Ensanche en Ares 3-2, o Numancia lidera a táboa con 16 por 13 de As Pontes e Cariño, e 12 de Meirás. Precisamente o As Pontes visitará Cariño na vindeira xornada.

1ª AUTONÓMICA CADETE 1ª FASE (D. Ferrol)
CD Narón B – CC As Pontes (2-1)

Derrota do cadete 2-1 ante o CD Narón B. Adiantáronse comezada a segunda metade os locais por medio de Adrián, e a pesar de que Santi empataba polos ponteses, era Gabriel quen moi preto do final poñía o 2-1 definitivo. Triste derrota para o equipo azul, pois acudiu só con once xogadores, que a pouco estiveron de traerse un empate. Xogaron, Juan, Azoin, Xavi, Santi, Antonio, Antón Paz, Mohamed, Xoel, Jorge, Xan e Jose. Duodécimos con 4 puntos, visitan ó Portuarios B, que ten cinco.

1ª AUTONÓMICA INFANTIL 1ª FASE (D. Ferrol)
CD Narón B – CD As Pontes (7-0)

Derrota por 7-0 do infantil ante o líder CD Narón B. Xogaron Mario Regueiro, Eloy, Iván, Xose, Samuel, Mario Fraga, Manuel, Jandro, Joan, Hugo, Xoel, entrando despois Dani, Edgar, Sergio Hermida, Mateo e Sergio Paz. Sextos con 6 puntos reciben ó Racing de Ferrol B, segundo con 12 puntos.

1ª AUTONÓMICA ALEVÍN 1ª FASE (D. Ferrol)
Galicia de Mugardos – CD As Pontes (5-4)
CD As Pontes B – SD Rápido de Neda (1-7)

No duelo entre os dous conxuntos que ocupaban as dúas primeiras posicións venceu o Mugardos por 5-4 ó Alevín A, que desperdiciou un 1-3 a favor, co que os azuis agora son quintos con seis puntos antes de recibir ó Cultural Maniños, que aínda non puntuou. Goles de Anxo Rey, Alex Montero, Diego Purriños e David Cendán.

Como un vendaval pasou o Rápido de Neda polo Poboado vencendo 1-7 ó Alevín B, que so puido anotar o tanto da honra por medio de Xandre Fernández. Cuartos con 4 puntos visitan ó O Freixo Narón C, que ten tres.

1ª AUTONÓMICA BENXAMÍN 1ª FASE (D. Ferrol)
Racing San Pedro – CD As Pontes (4-2)
CD As Pontes B – CCRD Perlío (1-2)

O Benxamín A perdeu 4-2 en Ferrol ante o Racing San Pedro, goles de Diego Lozano e un en propia meta. Sextos con seis puntos reciben ó Portuarios B, que suma tres.

Derrota do Benxamín B ante o Perlío 1-2. Adiantou ós locais Paulo Cabaleiro, pero nos últimos minutos remontaron os de Fene. Sextos con tres puntos visitan ó San Pedro B, que ten catro.

1ª AUTONÓMICA PREBENXAMÍN 1ª FASE (D. Ferrol)
CD As Pontes – Racing de Ferrol (1-4)
CD Narón – CD As Pontes B (11-0)

Perdeu o Prebenxamín A 1-4 ante o Racing de Ferrol, con tanto local de Iker Ares. Terceiros con doce puntos visitan ó Galicia de Caranza C, que ten nove.
O Prebenxamín B perdeu por goleada (11-0) ante o CD Narón, e aínda sen puntuar descansa a vindeira xornada.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios