Nunha xornada na que tódolos equipos do CD As Pontes disputaron os seus respectivos compromisos, rexistráronse cinco triunfos para os ponteses e sete derrotas. Salientar a vitoria a domicilio do cadro feminino e a novena do equipo infantil, que suma nove triunfos de nove partidos xogados (ten pendente un encontro), nos que marcou 50 goles e encaixou tan só tres.
CD AS PONTES PREFERENTE: O CD As Pontes gañou con claridade ó Chantada por 4 goles a cero. Os ponteses puxeron o partido o seu favor no primeiro cuarto de hora cos goles de Parada e Suso Peña. A cinco minutos do descanso Álvaro establecía o 3-0 e xa no minuto oitenta Iván González redondeou a clara vitoria dos ponteses (4-0), un resultado que mantén ó cadro das Pontes na cuarta posición a oito puntos do líder Betanzos, pero cun partido menos, o que disputará o 8 de decembro en Dorneda, conxunto situado na segunda posición con 25 puntos.
CD AS PONTES FEMININO: Excelente resultado do conxunto feminino na súa saída a Oleiros, onde gañou ó Pastoriza por 0-2. As de Salido amosaron unha imaxe diferente a dos últimos partidos e dominaron claramente o partido de principio a fin. Paty, no minuto 37 marcou o 0-1 e a catro minutos do final Lara puxo o resultado definitivo. Xogaron polo As Pontes: Leti, Yaiza, Laura, Jani, Silvia, Lara, Clara, Patri, Paty, Sara e Paula Alvariño (Paula Barro, 61).
CD AS PONTES XUVENIL: Derrota dos dous conxuntos xuvenís. Os da liga nacional caeron en Vigo (3-0) diante do C.H. San Roque e os da competición comarcal foron superados no Poboado polo Galicia de Caranza B (0-2). O xuvenil A ocupa posto de descenso con seis puntos, grupo que é liderado polo Conxo con 30 puntos. O equipo B está clasificado na duodécima posición con 9 puntos a 14 do líder, Eume Deportivo.
CD AS PONTES CADETE: O equipo cadete gañou con claridade o seu compromiso no Poboado diante do Val, por dous goles a cero, tantos marcados por Álex e Criado. O equipo que adestra Calpita ocupa a quinta posición con 16 puntos, a oito do primeiro, Galicia de Caranza.
CD AS PONTES INFANTIL: Logo de oito xornadas disputadas o As Pontes infantil suma outros tantos triunfos. Este sábado gañou no campo de San Xoán ó Racing de Ferrol por 0-4. Diego Filgueiras marcou dous goles e Álex Fernández e David Rey foron os autores dos outros dous tantos. O equipo que adestra Rebolo continúa na primeira posición do grupo quinto con 27 puntos e un partido menos.
CD AS PONTES ALEVÍN: Derrota dos dous equipos de categoría alevín. O conxunto A perdeu diante do líder Meirás por 6-3 e o equipo B caeu no Poboado perante o Eume Deportivo (1-2), con gol marcado por Josiño. O cadro A é pechacancelas con só un punto nun grupo que encabeza o Meirás con 21 puntos. O equipo B é sexto con nove puntos, sendo primeiro deste grupo o Galicia de Caranza C con 19 puntos.
CD AS PONTES BENXAMÍN: Goleada do equipo A ó Rácing San Pedro B por seis goles a cero, tantos marcados por Bruno (3), Sergio Otero, Diego e Alberte. Pola súa banda, o conxunto B perdeu pola mínima na súa visita a Ferrol diante do ánimas (4-3). O As Pontes A é sétimo con 10 puntos do grupo que encabeza o Eume Deportivo con 21 puntos. No outro grupo é primeiro o Galicia de Caranza D (21 puntos) e o As Pontes B ocupa a undécima posición con oito puntos.
CD AS PONTES PREBENXAMÍN: Derrota do As Pontes A no Poboado por 2-3 perante o Numancia de Ares. Vicente, que fixo un bo partido, foi o autor dos goles ponteses. Pola súa banda, o equipo B sufriu unha severa goleada (19-0) en Ferrol diante do líder Rácing San Pedro. O equipo B aínda non puntuou na liga e ocupa a derradeira posición mentres que o cadro A é sétimo no seu grupo con tres puntos sendo primeiro o Ánimas con quince.
RESUME RESULTADOS
PREFERENTE: CD AS PONTES SD CHANTADA (4-0)
XUVENIL NACIONAL: C.H. SAN ROQUE CD AS PONTES (3-0)
XUVENIL COMARCAL: CD AS PONTES GALICIA CARANZA (0-2)
FEMININO: SCD PASTORIZA CD AS PONTES (0-2)
CADETE: CD AS PONTES SD O VAL (2-0)
INFANTIL: RACING FERROL CD AS PONTES (0-4)
ALEVIN A: MEIRÁS CF CD AS PONTES (6-3)
ALEVIN B: CD AS PONTES EUME DEPORTIVO (1-2)
BENXAMIN A: CD AS PONTES RACING SAN PEDRO (6-0)
BENXAMIN B: ÁNIMAS SD CD AS PONTES (4-3)
PREBENXAMIN A: CD AS PONTES NUMACIA ARES (2-3)
PREBENXAMIN B: RACING SAN PEDRO CD AS PONTES (19-0)
Nova cortesía de A.F.