CLUB DEPORTIVO AS PONTES E RACING DE FERROL DISPUTAN A 22ª EDICIÓN DO TROFEO VILA DE AS PONTES

Este luns, 22 de xullo, festivo local nas Pontes, o Club Deportivo As Pontes e o Racing de Ferrol enfrontaranse no campo do Poboado na disputa da vixésimo segunda edición do Trofeo Vila de As Pontes, que organiza o propio club pontés en colaboración con Concello de As Pontes. O encontro comezará ás oito do serán (20,00h) no campo do Poboado con entrada gratuíta.
Os dous equipos comezaron hai uns días a súa preparación de cara a vindeira tempada 2013/14, cun Racing de Ferrol que retornou á Segunda División B e un As Pontes que se marca como obxectivo realizar cando menos o feito a pasada campaña, na que acadou a sexta posición da clasificación por detrás dos grandes do fútbol galego.
Na historia deste trofeo pontés, que se disputou por primeira vez no ano 1974 entre o Racing Vilalbés e o entón Club Deportivo Endesa con vitoria do conxunto chairego por 3-2, o Racing de Ferrol gañouno en dúas ocasións de catro participacións. A primeira en 1977 contra o Endesa (4-1) e a segunda en 1978 fronte a unha Selección da Ría (1-1, 4-3 nos penaltis).
Pola súa banda, o conxunto pontés foi vencedor en cinco edicións de dezasete participacións. En 1986 goleou ó Racing Vilalbés por 5-1 e ó ano seguinte ó Racing de Ferrol (4-0). Nos anos 2006, 2008 e 2010 o Club Deportivo As Pontes logrou o trofeo ó vencer ó Deportivo B, Club Deportivo Lugo e Racing Vilalbés, respectivamente, perdendo as dúas últimas edicións de 2011 e 2012 ante o Deportivo da Coruña e o Club Deportivo Lugo.
XXII-Trofeo-Vila-de-As-Pontes.jpg


Nova cortesía A.F.

También podría gustarte
Comentarios