Comunicacións dirixidas á Dirección Xeral de Patrimonio ao respecto do risco de afectación das mámoas da Mourela
A continuación transcríbense as comunicación remitidas á Dir. Xeral de Patrimonio cultural da Xunta de Galicia, por mor dos continuos desprendementos de terra que se están a producir no entorno de protección do elemento catalogado GA15070127, así como das obras que tiveron lugar no entorno dos elementos GA15070129 e GA15070130.
A/a:
Felipe Arias Vilas
Director Xeral de Patrimonio Cultural
Xunta de Galicia
Estimado señor:
Dirixímonos a vostede coa intención de informalo ao respecto da preocupante situación que están a padecer as mámoas da Mourela, afectadas polas obras da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba.
Nos últimos meses executáronse unha serie de operacións nas inmediacións dos elementos catalogados GA15070127, GA15070129 e GA15070130 que pasamos a referenciar:
– Apertura de pista de acceso á Fonte das Buliqueiras:Desbroce, movemento de terras e afirmado; actuando no entorno do elemento catalogado GA15070130, ubicado na zona SW do desmonte.
– Execución de cuneta de cabeza de talud revestida de formigón:
Na zona S do desmonte, afectando ao entorno dos elementos catalogados GA15070129 e GA15070130.
– Traballos de estabilización de taludes na zona N do desmonte:
Remoción de terras e tendido de zonas inestábeis do talud, aproximándose ao elemento catalogado GA15070127.
Asemade temos constancia de varios desprendementos de terra que se produciron na zona N do desmonte durante a semana pasada e que afectaron á área de cautela arqueolóxica do elemento catalogado GA15070127, reducindo de 20 a 10 metros a distancia do marxe do talud con respecto da mámoa.
Descoñecemos se as operacións, realizadas no xa reducido ámbito de protección das mámoas, contaban co preceptivo permiso da súa Dirección Xeral, mais temos constancia de que non houbo ningún arqueólogo efectuando os controis arqueolóxicos das distintas operacións.
Por todo o anteriormente exposto compraceríanos coñecer:
– Que medidas vai a tomar a súa Dirección Xeral de cara á consolidación das tres estructuras arqueolóxicas que permanecen aínda na Mourela.
– Cal é a estimación da COTOP ao respecto do risco de desaparición do elemento GA15070127.
– Que medidas se van a tomar para evitar máis desprendementos na zona N do desmonte que poidan por en perigo a integridade do elemento GA15070127.
A/a:
Felipe Arias Vilas
Director Xeral de Patrimonio Cultural
Xunta de Galicia
Estimado señor:
Dirixímonos a vostede coa intención de informalo ao respecto da grave situación na que se atopa o elemento catalogado GA15070127, mámoa situada na necrópole megalítica da Mourela, no concello das Pontes de García Rodríguez e afectada polas obras da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba. A semana pasada, un desprendemento de terra no marxe norte do trazado, reducía a tan só tres metros o ámbito de exclusión de obra do elemento, deixando o bordo do talud ao carón da mámoa.
Cremos que a situación actual era previsíbel, tendo en conta os anteriores desprendementos que tiveron lugar na zona os últimos meses, como así o informamos na nosa anterior comunicación. Certo é que non atinamos a comprender como dende a súa direccion xeral non se tomaron as medidas necesarias para garantir a consolidación das tres estructuras arqueolóxicas. Descoñecemos así mesmo cal era a estimación da COTOP ao respecto do risco de desaparición do elemento GA15070127 e descoñecemos cales foron os procedementos activados para por fin aos desprendementos nesa zona.
Mais lonxe de lamentarnos polo acontecido, entendemos que as operacións que neste intre se poden realizar para salvagardar ou documentar o elemento son escasas. Non así, cremos que o seu gabinete debería definir que é o que se vai a facer coa estructura antes de que se produza un novo desprendemento na zona ou sexa necesaria a demolición do lugar arqueolóxico.
Alén disto, compracerianos recibir información sobre os seguintes aspectos:– Que medidas vai a activar a súa dirección co fin de preservar o elemento ou minimizar a súa destrución ou alteración.
– Se a responsabilidade da COTOP neste asunto vai a quedar esclarecida, identificando aos responsábeis e solicitando un revisión do proxecto.
– Que medidas vai a tomar a súa dirección de cara á consolidación das dúas estructuras arqueolóxicas que aínda, por sorte, permanecen na Mourela.