COPA DE GALICIA DE FÚTBOL SALA AS PONTES 2019
O Parrulo Ferrol logrou o título disputado este luns e martes no Pavillón de A Fraga entre os catro mellores equipos galegos
Fútbol sala e tres partidos de luxo os que se viviron este luns e martes no Pavillón de A Fraga coa Fase Final da Copa de Galicia que reuniu en As Pontes aos catro mellores equipos galegos, O Parrulo Ferrol e Burela Pescados Rubén, que a vindeira tempada xogarán na Primeira División, e o Santiago Futsal e Noia Portus Apostoli, que o farán na Segunda.
A primeira semifinal enfrontou ao Santiago contra o Burela, e os da capitala galega chegaron a poñerse con 0-3, pero empataron os da Mariña 3-3, acabando por impoñerse nos penaltis 3-2. Na segunda triunfo máis cómodo de O Parrulo por 5-1, acostumado a enfrontarse a grandes trasatlánticos na máxima categoría, ante un Noia que ademáis viña de certificar a súa permanencia o sábado en Rivas.
Xa o martes á tarde, na gran final entre dous dos mellores equipos do panorama estatal, marcharon con ventaxa os mariñáns ao descanso tralo gol co calcaño de Iago Míguez, pero no segundo tempo deron a volta os ferroláns cos goles de Isma, dous do internacional Adri, un polo escuadro, e outro do porteiro Chemi. Preto do final, Lucho e Joselito recurtaron distancias para os laranxas ata o 4-3, pero sen tempo para máis, logrando os da cidade departamental o seu terceiro título.
No palmarés da competición queda Santiago con oito copas, mentres que o antigo Azkar Lugo suma cinco. Tres teñen Leis de Pontevedra, Ourense FS e agora O Parrulo, dúas gañou o Rías Baixas, de Pontevedra, e con un título, o mítico Egasa Chaston A Coruña, Burela, Porto Celeiro de Viveiro e o Hotel Villamartín de Vilalba.
É a terceira final que se disputa en As Pontes, trala de 2000, en que gañou o Ourense FS, e a de 2015, que tamén gañou o Parrulo. Ao final do evento organizado polo Concello de As Pontes e O Esteo FS, as diversas autoridades entregaron os trofeos e medallas a campión e subcampión.
Nova cortesía de Xose Ferreiro