Amigus
As Pontes

Crónica do círculo lítico da Mourela, n’As Pontes. Un ano e medio na ‘milla verde’.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

Por Franjo Padín, arqueólogo e profesor de Geografia e História.
A Mourela era un círculo de pedras megalítico, un cromlech, un resto arqueolóxico inusual en Galicia provinte de tempos remotos. Un dos principais pioneiros da arqueoloxía en Galicia, Federico Maciñeira, deixou constancia deste xacemento, nunha época na que a nosa arqueoloxía abría ós ollos a un novo século, cargada, para o bo e para o malo, dos lastres do romanticismo decimonónico, pero coa arela de entrar no selecto ámbito da ciencia. Mais deseguida caeu no esquecemento. Na arqueoloxía nihilista que aprendiamos na facultade compostelana dicíasenos que os círculos líticos non eran coñecidos no noso país, se acaso por “referencias incertas e de dubidoso encadre cronolóxico e cultural” (Rodríguez Casal dixit, pero non era o único). As referencias dubidosas eran as de Maciñeira, entre outros, e a Mourela, un dos exemplos. A Mourela desaparecera, a penas ficaba nada… ou case.


No verán do 2005, o Laboratorio de Investigacións Arqueolóxicas, (LIA) co pulo do Concello d’As Pontes, iniciou a busca dos restos do círculo lítico da Mourela, con éxito. Entre torretas de alta tensión e un polígono industrial, nunha paisaxe rural moi distinta a que Maciñeira coñeceu, apareceron os restos soterrados daquel enigmático monumento.
A escavación descubríu entón un espazo de 1400 m2, no que había foxas, restos materiais, ferramentas de cuarcita, e bancais de pedra que conformaban unha estructura que chegaba ós 35 metros de diámetro. Na mesma zona existen alomenos dous círculos líticos e cinco túmulos, que se calcula foron construídos entre o 3000 e o 2000 a.C. Moitas das pedras hoxe desaparecidas, deixaron a súa pegada no antigo chan, dando constancia da estructura do monumento.
Pero a nova non era boa para todos. Os antigos megaliteiros fixeron o seu círculo xusto no medio e medio do que, 5000 anos despois, ía ser a autovía AG-64 entre O Ferrol e Vilalba. Cando o 17 de Outubro foron suspendidas as escavacións, comenzou unha longa agonía. Ante a importancia dos restos, a Consellería lanzou, coma sempre sen nada que xustifique esta actuación sobre outras, a posibilidade de trasladalos a outro lugar. Trasladar a autovía, resultaba, seica, máis lóxico, pero moito máis caro. E meses, anos de retraso.
Así as cousas, a finais de Novembro do 2005 colocouse a segunda pedra da autovía (a primeira fora colocada antes das eleccións autonómicas, seis meses atrás), sen saber qué facer coa escavación. O tramo da autovía As Pontes-Cabreiros, de 8’6 quilómetros, custaba 39’2 millós de euros, e as empresas (Viviendas y Ferramentos e Puentes y Calzadas), comprometéranse a entregalo en 18 meses. Pero as pedras seguían aí no medio. Para liar máis as cousas, a responsabilidade das obras correspondían á Consellería de Política Trerritorial, e a decisión sobre o xacemento á Consellería de Cultura, ambas comandadas por forzas de distinto signo. E non acaba aí o conto, pois inxentes cantidades de cartos procedentes dos tetos europeos flotaban no límpido ar pontés condicionados pola data de remate das obras. O noso anel pétreo estaba, sen querelo, ameazado pola avaricia das constructoras, a confrontación política e a estupidez.
De feito, se hai que botarlle a culpa a alguén é a quen proxecta unha autovía polo medio dun monumento que non só fora referenciado por Maciñeira en 1929 na Revista do Seminario de Estudos Galegos, senón que constaba como xacemento arqueolóxico no Catálogo de Xacementos do Concello d’As Pontes dende o ano 1993. Segundo o estudo de impacto, asinado no ano 2002, alí, evidentemente, non había nada.
Foi Jacobo Vaquero, arqueólogo do LIA, quen advertiu da existencia dos restos en Abril do 2003, conseguindo que a Dirección Xeral de Patrimonio autorizara a escavación no 2005. Pero para a primavera do 2006, as escavadoras xa andaban a rillar á beira do xacemento. E aínda que se consideraban necesarios tres meses máis de traballos para documentar os restos de forma aceptable, Patrimonio só autorizou unha escavación de 10 días, ata o 10 de Maio, despois o círculo sería sustituído polo asfalto. As constructoras andaban a presionar, pois a pesar de que comenzaran a facer desmontes nos 8 quilómetros do tramo, afirmaban que as obras levaban sete meses bloqueadas por culpa dos arqueólogos, o que incrementaba o orzamento inicial nun 20%, de 32’9 a 47 millons de euros. Un día antes de rematar a escavación, Patrimonio emitía unha nota pública dicindo que alí só quedaban pegadas das antigas pedras no chan. Parecía que a sorte do Círculo da Mourela estaba botada. Ao mesmo tempo, 40 veciños ponteses manifestábanse diante do seu Concello pedindo protección para o xacemento.
Pero cando a Mourela tiña as horas contadas, a presión veciñal, constituida en plataforma, e a evidente falta de tempo para a intervención obrigou a ampliar o prazo uns días máis. Logo outra vez máis, ata finais de Xuño. E logo outra máis, en Xullo, e outra… En Decembro, era evidente que a autovía non ía ser rematada no prazo, que os fondos europeos estaban no limbo, e que aínda non se sabía qué facer co xacemento. A mediados de Decembro do 2006, o Director Xeral de Patrimonio, Felipe Arias Vilas, falaba de salvar o xacemento facendo un túnel para a autovía por debaixo. A solución non era nova, fora proposta un ano atrás, e defendida pola Plataforma veciñal e a asociación ecoloxista ADEGA, pero como Política Territorial non daba o brazo a torcer, pasou un ano sen facer nada.
O 19 de Decembro foi autorizada unha nova intervención, esta vez dirixida por Andrés Bonilla e Ramón Fábregas Valcarce. Non hai data para rematar, esta vez. Aínda hoxe, o destino do círculo lítico da Mourela pende dun fío.
Sen entrar a valorar a necesidade que hai de autovías, fondos europeos e postos de traballo, cabe facer algunhas reflexións. Como a conveniencia de que os estudos de impacto ambiental e patrimonial se fagan baixo presupostos maximalistas, non minimalistas (a existencia do xacemento xamais debeu ser pasada por alto, nin polos autores do EIP, nin por Patrimonio). Ou como o feito de que se eluda tomar decisións inmediatas sobre solucións que implican unha gran demora de tempo, aplazando a toma desas decisións aínda máis tempo (se se autorizara o túnel hai un ano, a situación non sería a actual). Ou como a incomprensible valoración que se fai sobre o interese público (sempre se fala do “interese social” dunha obra pública e non do interese social do Patrimonio arqueolóxico, tamén público, aínda que o primeiro pode ter moitas veces alternativas, e o segundo ser case sempre irreemplazable).
Hai 20 anos non tiñamos círculos líticos en Galicia. Ou polo menos, non os recoñecíamos. Agora temos alomenos un estudado arqueolóxicamente, e se o destruímos, cecais perdamos un saber antigo para sempre. Imaxinade Stonehenge ameazado por unha autovía. Poida que a Mourela non sexa Stonehenge, pero dende a perspectiva galega, non hai nada máis semellante, nada máis senlleiro, nada máis merecedor do noso respeito. Como dixo un membro da plataforma veciñal: “do círculo pouco queda xa, pero trátase das nosas pedras”.
Publicado orixinalmente en http://www.blogoteca.com/arqueoloxia/

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios