Amigus
As Pontes

Diversas asociacións programan as suas actividades para este comezo de veran

[aspontes.com] A mes e medio para a celebración das Festas Patronais, pouco a pouco imos coñecendo novos datos sobre a programación en honra á Virxe do Carme. Así as cousas, hoxe podemos anunciarlles que a Asociación de Amas de Casa das Pontes será a encargada neste 2.009 de elaborar a alfombra floral, motivo polo que a xunta directiva desta entidade fai un chamamento a todos os veciños das Pontes, sexan ou non socios das amas de Casa, para que colaboren na preparación do manto floral. Para anotarse abonda con achegarse ás oficinas da Asociación, situadas no Pobado do Barreiro, no Bloque E, en horario de luns a xoves, de dez e media a once e media pola mañá, e pola tarde, de catro e media a cinco e media.


Asimesmo desde a Asociación de Amas de Casa tamén nos informan da celebración da cea de remate de curso, prevista para o venres 19 de Xuño, ás nove e media da noite, no restaurante 5 Jotas. Serviranse aperitivos, peixe-sapo, carrilleiras e postres variados. O prezo do menú é de 25 euros para os socios, e de 31 para os non asociados e para anotarse hai que achegarse ata o local da Asociación, en horario tamén, de luns a xoves, de dez e media a once e media pola mañá; e pola tarde, de catro e media a cinco e media.
E falamos agora da Asociación de Veciños Beira do Eume que organiza unha excursión a Taramundi, para este sábado. A programación inclúe saída ás sete e media da mañá desde o local social e en Meira farase a primeira parada para o almorzo. Unha vez en Taramundi visitaranse os Muiños e o Museo de Apeiros Agrícolas, e tamén se realizará o xantar. De volta xa para as as Pontes pararase en Ribadeo e visitarase a praia das Catedrais. O prezo desta viaxe é de 30 euros para os socios e de 40 para os non asociados, e para apuntarse teñen de prazo ata este mesmo venres, nos Bares Daniel, Trastoy 4 ou Calvo.
E de Beira do Eume imos ás Campeiras que teñen previsto visitar varias cidades asturianas os días 4 e 5 de xullo.
Así as cousas, o programa da excursión inclue saída das Campeiras ás 7 e media da mañá para dirixirse ata Avilés onde será posible parar para visitar o casco histórico da cidade. Seguidamente, reanudarase a viaxe cara Xixón onde se xantará e se visitará o hotel que servirá de hospedaxe para os excursionistas.
A tarde estará adicada á visita pola cidade na compaña dun guía turístico e xa, á hora da cea, cada viaxeiro terá carta branca para degustar un menú asturiano no local que prefira.
O día 5 abrirase cun almorzo ás 9 e cuarto, tralo que se porá rumbo á localidade de El Entrego onde será posible visitar o Museo da Minería, tralo que se xantará no restaurante El Urogallo. Xa de volta a Galicia, a expedición parará en Cudillero denantes de reanudar viaxe cara As Pontes.
O prezo da excursión é de 100 euros para os socios e 110 para os non asociados tendo que anotarse e facer pago da viaxe denantes do 20 de xuño na tenda de electricidade Elicio Gómez.

También podría gustarte
Comentarios