[xunta.es] A Consellería de Economía e Industria, a través de Bic Galicia e en colaboración co Instituto Pontés de Promoción Económica, organiza un seminario de motivación e sensibilización emprendedora para alumnos de formación profesional que se desenvolverá mañá, 10 de febreiro, no IES Castro da Uz nas Pontes, entre as 10 e as 12,30 horas.
Este encontro formativo pretende fomentar o espírito emprendedor dos estudantes para mellorar as súas posibilidades de emprego e empresarialidade futuras. A iniciativa forma parte do programa Actúa, que busca desenvolver as capacidades emprendedoras do alumnado antes de que completen a súa formación con prácticas en empresas mediante charlas de motivación e sensibilización cara ao emprendedurismo como vía para conseguir un emprego, e que permite dispoñer dun elemento máis de estímulo laboral para os mozos que están a completar a súa formación profesional.
Esta actuación forma parte do desenvolvemento do Plan Eduemprende, impulsado en colaboración polas consellerías de Economía e Industria e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Este plan de emprendemento implantado no sistema educativo de Galicia persegue constituír un marco de fomento da cultura emprendedora e converterse nunha folla de ruta que permita lograr un avance significativo na actitude e capacidade emprendedora para mellorar as condicións de emprego e empresarialidade do alumnado galego.