FÚTBOL SALA: PRIMEIRA NACIONAL “B” O ESTEO – PIZARRAS T. CUÑADOS (6-4)

Nun trepidante e bonito partido o Esteo sumou a sexta vitoria consecutiva, seis de seis, diante do Pizarras T. Cuñados, do Barco de Valdeorras por 6-4 (descanso, 2-1). Uns 200 espectadores nas gradas do pavillón da Fraga.
O-Esteo-FS-2009-10.jpg


Emocionante partido o visto este sábado no pavillón da Fraga. O público gozou do xogo de dous equipos que están nas primeiras posicións e son firmes candidatos ó ascenso. O partido tivo intres dun xogo bronco e provocativo dos valdeorreses ó que non quixeron entrar os ponteses. Comezaron ben as cousas para o Esteo con dous goles de Fran, o goleador desta tarde (un en propia meta), acurtando diferenzas os visitantes antes do descanso e empatando nada máis comezar a segunda parte. Reacciona o Esteo e de novo vantaxe de dous goles. Cando todo parecía que o partido estaba encarrilado, chegan uns minutos de desconcerto na zaga local e novamente empate (4-4). De aí ó final ocasións para os dous equipos, cun balón de Pellón ó poste e un dobre penalti errado polo visitante Bruno. O delirio chegou ás gradas no derradeiro minuto de partido con dous goles para o Esteo, obra de Noé, logo dun bonito pase de Pellón, e Rubi, que daban os tres puntos para os locais que o manteñen invicto e na segunda posición a tres puntos do líder, pero con dous partidos menos. Precisamente, a vindeira fin de semana o Esteo visitará ó primeiro clasificado, Casas-P.Brulak.
O ESTEO FS: Javichu, Anxo, Fran, Noé, Rubi –cinco inicial- Jaime, Gerardo, David e Pellón.
PIZARRAS 3C: Marcos, Jesús Álex, Cristian, Bruno –cinco inicial- Belin, David, Suki e Novo.
ÁRBITROS: Trincado Fernández e Martinez Nistal (A Coruña). Amoestaron a Jaime, Rubi, Bruno, Suki e Novo.
GOLES: Min. 5 (1-0), Fran. Min. 16 (2-0), Fran. Min. 18 (2-1), Bruno. Min. 21 (2-2), Bruno. Min. 24 (3-2), Noé. Min. 25 (4-2), Fran. Min. 26 (4-3), Fran en propia meta. Min. 29 (4-4), Jesús. Min. 39 (5-4), Noé. Min. 39,59 (6-4), Rubi.
Nova cortesía de A.F.

También podría gustarte
Comentarios