Grande proxección do Proxecto Rotopala: Presentación final dos resultados acadados en As Pontes e Konin

O Proxecto Rotopala marca un punto e aparte coa presentación dos resultados acadados nestes dous meses de andadura. O venres 28 de Setembro ás 20:00 horas no auditorio da Casa Dopeso das Pontes, terá lugar a gala final de clausura. Nela poderanse ver as curtametraxes realizadas polos rapaces ponteses e polacos, o making off do proxecto, a presentación da páxina web e algunha sorpresa máis. Ademáis contarase coa presencia das creadoras do proxecto e os participantes, que poderán explicar de primeira man a súa experiencia e os obxectivos acadados ao público asistente.
O acto resulta de especial interese para todos os veciños e veciñas das Pontes, especialmente aqueles que tiveron algunha vinculación coa mina, xa que poderán ver as rotopalas Carmen e Dolores traballando de novo en Polonia.
cartelproxeccion.jpg


O principal obxectivo que pretende o proxecto é a posta en valor do patrimonio industrial das dúas vilas a través da arte e coa xuventude como protagonista activa. As continuas transformacións na paisaxe que se producen nos pobos con minas destas dimensións conlevan tamén reconversións a outros niveis. O Proxecto Rotopala pretende ofrecer un espazo para a reflexión e a creación, analizando as similitudes e diferenzas entre dous contextos mineiros, que actualmente se atopan en diferentes fases da extración mineira. Proponse que a reconversión na que están inmersas As Pontes e Konin non só se realice a nivel físico e econónico, senon tamén a nivel social, dotando á cidadania de voz propia para aportar ideas de cara ao futuro destas zonas.
O Proxecto Rotopala, é promovido dende As Pontes pola PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES, a cargo de Sabela Pernas Soto, Ana Seijo Cuba e Sol Álvarez Soto. En Konin foi recibido pola KDK (Casa da Cultura de Konin) a través do Amatorski Klub Filmowy “Muza” (Club de Cineastas Aficcionados, “Muza”) dirixido por Andrzej Moś. A financiación ven dada polo Programa Xuventude en Acción, unha iniciativa da Unión Europea a través do Injuve.
Tras esta primeira experiencia, logo de descubrir as grandes similutudes existentes entre os dous lugares, os socios polacos en Konin interesáronse moito en deixar unha porta aberta á posibilidade de novas e futuras colaboracións. Xa se firmaron algúns acordos en aras de obter fianciación para materializar esta fructífera vinculación.
Animamos a coñecer os resultados desta unión de primeira man, no acto e proxección organizados para a vindeira semana.

También podría gustarte
Comentarios