MANOLO GARCÍA FOI PRESENTADO ONTE COMO NOVO ADESTRADOR DO CLUB DEPORTIVO AS PONTES
Tralo o cese do José Luis Lemos como adestrador do Club Deportivo As Pontes, na tarde de onte mércores foi presentado o novo técnico do equipo pontés Manolo García, logo de chegar a un acordo coa directiva pontesa, presidida por Xaime Castro, na mañá de onte, segundo confirmou o propio presidente da entidade pontesa.
Manolo García faise cargo do plantel do As Pontes ata final de temporada con opción dunha máis no caso de lograr a permanencia na categoría e desexe continuar. O técnico ferrolán, que ás oito da tarde tivo a primeira reunión cos xogadores e de seguido iniciou o primeiro adestramento, coñece ben a entidade pontesa, xa que estivo como xogador durante cinco temporadas consecutivas dende 1994/95 ata 1998/99, dúas en Terceira División e as últimas tres en Segunda B, onde coincidiu con Lemos, o técnico destituído.
Durante varios anos foi segundo adestrador con Luis César, así como adestrador do Racing de Ferrol na temporada 2006/07 e na pasada estivo no Cerceda co que logrou o título de liga. O seu segundo será un home da casa José Luis Fontao, antigo xogador e adestrador dos equipos de base. Como preparador físico estará Adrián Boo, outro homo da casa, licenciado do INEF e preparador físico do equipo xuvenil.
O novo adestrador ten agora a difícil papeleta de manter o equipo na categoría. Nestes momentos o As Pontes ocupa praza de descenso debido á situación do Montañeros na Segunda B. Conta con 27 puntos e necesita rematar a liga por riba dos 40.
O calendario non é nada doado, tendo en conta que fóra do Poboado terá que disputar seis partidos, tres contra equipos da zona alta (Ourense, Alondras e Cerceda) e os outros tres son contra Lalín, o vindeiro domingo, Ordes e na derradeira xornada diante do Bergantiños en Carballo. Na casa recibe a outro rival directo, Cultural Areas, ademais de Negreira, Vilalonga e Rápido de Bouzas, equipos que están na zona tranquila da clasificación, circunstancia que os ponteses deben aproveitar.
Non cabe dúbida de que a clave da salvación pasa polos dous vindeiros enfrontamentos contra Lalín e Cultural Areas, dous rivais directos que foron a máis e agora están con dous puntos menos có As Pontes. O cambio de adestrador pode ser o revulsivo que necesita o Club Deportivo As Pontes para iniciar a remontada e lograr a permanencia un ano máis na Terceira División, a categoría que lle corresponde a este histórico e cincuentenario club.
Nova cortesía de A.F.