Nota de prensa BNG: MOCIÓN SOBRE DA XERACIÓN DE EMPREGO DERIVADA DO PLAN ESTATAL DE INVESTIMENTOS LOCAIS

D. Xaime Castro Paz, na súa condición de portavoz do Grupo Político Municipal do BNG no Concello das Pontes, e na súa representación, presenta a seguinte
MOCIÓN SOBRE DA XERACIÓN DE EMPREGO DERIVADA DO PLAN ESTATAL DE INVESTIMENTOS LOCAIS


ANTECEDENTES
No B.O.E. do 2 de decembro de 2008 publicábase o Real Decreto-Lei 9/2008, do 28 de novembro, polo que se creaba un Fondo Estatal de Investimento Local, destinado a promover a realización por parte dos Concellos de inversións creadoras de emprego, mediante o finanzamento dos contratos de obras de competencia municipal.
O 10 de decembro de 2008, o B.O.E. facía pública a Resolución do 9 do mesmo mes, pola que se aprobaba o modelo para a presentación de solicitudes, as condicións para a tramitación e a xustificación dos recursos.
Na mesma data dábanse a coñecer as cantidades adxudicadas a cada Concello segundo o único criterio de poboación.
Na sesión extraordinaria urxente do Pleno do Concello do día 22 de xaneiro de 2009, no segundo punto da súa orde do día, acordábase aprobar as memorias valoradas correspondentes aos proxectos a financiar con cargo ao Fondo, un total de 11 actuacións nas que se estimaba en 130 os empregos a xerar, cun prazo de execución medio estimado por obra duns 4 meses.
Por Resolución do 16 de febreiro de 2009 autorízase a financiación dos proxectos presentados polo Concello das Pontes.
Tendo en conta o exposto con anterioridade e os prazos establecidos na regulamentación meritada, coa finalidade de facer un seguimento e control da xeración de emprego derivada da execución do Fondo Estatal de Investimentos Locais, obxectivo enunciado como motivación da súa creación no propio Real Decreto-Lei, o Grupo Político Municipal do BNG propón ao Pleno do Concello das Pontes adoptar os seguintes
ACORDOS
1º.- Crear unha comisión de seguimento do Fondo Estatal de Investimentos Locais, integrada por un membro de cada un dos Grupos Políticos Municipais, asistida por técnicos do Concello, que celebrará reunións semanais nas que se analizará e avaliará a creación de emprego de cada unha das actuacións incluídas no citado Fondo, antes da súa contratación, durante a súa execución e na súa xustificación final; para tal finalidade, o Concello obrígase a poñer a disposición dos membros da comisión a seguinte documentación de cada un dos proxectos presentados:

memoria explicativa incluída na solicitude, segundo o establecido no apartado Terceiro (Requisitos das solicitudes) da Resolución do 9 de decembro de 2008, da Secretaría de Estado de Cooperación Territorial do Ministerio de Administracións Públicas (B.O.E. do 10 de decembro);

documentación referida ao contrato, segundo o establecido no apartado Quinto (Adxudicación das obras) da Resolución do 9 de decembro de 2008, da Secretaría de Estado de Cooperación Territorial do Ministerio de Administracións Públicas (B.O.E. do 10 de decembro);

documentación xustificativa do remate, segundo o establecido no apartado Sexto (Remate e xustificación da inversión) da Resolución do 9 de decembro de 2008, da Secretaría de Estado de Cooperación Territorial do Ministerio de Administracións Públicas (B.O.E. do 10 de decembro).

A comisión será a encargada de elaborar un documento final de conclusións relativo á xeración de emprego derivada do Fondo, no que se incluirán os dados dispoñíbeis extraídos da documentación citada con anterioridade que permitan a súa publicación.
2º.- Convocar unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello, antes do 31 de marzo de 2010 (data límite para a acreditación dos investimentos), cun único punto na orde do día: “Debate a aprobación, de ser o caso, do documento de conclusións elaborado pola comisión de seguimento do Fondo Estatal de Investimentos Locais”.
As Pontes, 12 de marzo de 2009
O PORTAVOZ DO G.P.M. DO BNG
Asdo.: Xaime Castro Paz

También podría gustarte
Comentarios