O vindeiro venres 13, ás 19.30 horas, presentarase este proxecto e a páxina web na que se mostra unha parte deste fondo referido á Historia do territorio de actuación da Asociación EuroEume. Esta presentación pública terá lugar no Museo Etnográfico da Capela. No acto proxectarase un audiovisual, elaborado especialmente para a ocasión, no que se poderá ver e escoitar unha explicación detallada do que é o Fondo Documental e das seccións nas que se divide a páxina web. Proxectarase tamén, a modo de mostra dos contidos da páxina, un pequeno documental elaborado en base a parte do material recollido sobre Os usos e costumes do territorio.
O Fondo Documental para o Coñecemento do Eume consiste, básicamente, nun conxunto de documentos de diversa índole nos que aparecen reflectidos un ou varios aspectos da vida das persoas pasadas e presentes dalgún concello do territorio de actuación do Grupo de Desenvolvemento Rural EuroEume. O Fondo estructúrase en varias categorías: Iconografía, formada por fotografías saídas de coleccións particulares e dos fondos fotográficos do territorio nas que se poden ver imaxes da vida cotiá das xentes do territorio ao longo do século pasado; Hemeroteca, que contén novas relacionadas co territorio de actuación de EuroEume publicadas nos principais xornais durante o século XX; Arquivos, documentos antigos, en formato dixital e en papel, nos que se recollen aspectos importantes da vida dos nosos devanceiros. O Fondo conta ademais, cunha base de datos na que se recolle o catálogo de documentos con información sobre o Eume xunto coa súa localización e dispoñibilidade; a Hucha dos Saberes, que recolle pequenos documentais temáticos baseados nas entrevistas realizadas a homes e mulleres de todas as parroquias do territorio nas que deixan as súas opinións acerca de feitos concretos, como poden ser a súa experiencia na escola ou na emigración, os traballos desenvolvidos ao longo da súa vida; o Fondo de Sabedores, que consiste nunha base de datos cos nomes dos expertos nalgún tema de interese que posúa algunha publicación referida a esa temática concreta; e unha sección de Bibliografía, que consta dunha base de datos que recolle mais de 700 referencias de series de volumes bibliográficos e artigos cuxa temática principal está intimamente ligada co territorio.
4 anos de traballo
Este proxecto comezou no ano 2004 promovido pola Asociación EuroEume no marco do Programa Leader +. O primeiro paso deste proxecto foi realizar un concurso público para contratar unha asistencia técnica, adxudicado á empresa Los Ocho Mares, S.L., de cara á recompilación de diversa información relacionada co territorio: arquivos históricos, fotografías, videos antigos, hemeroteca e, fundamentalmente, as testemuñas das persoas do territorio. Realizáronse mais de 150 entrevistas, dando como resultado unhas 170 horas de grabacións nas que persoas maiores explicaban os seus recordos, vivencias, sentires e coñecementos sobre diversas temáticas: como era a escola na súa época, a problemática da emigración, os traballos e oficios propios dos seus tempos, a estreita relación da xente coas fragas e co campo, as festas e feiras, a industrialización e o progreso e, finalmente, toda a temática relacionada coa guerra, os tempos da fame, a represión franquista e os fuxidos, e mesmo a II República.
Unha vez rematada esta recompilación inicial de documentación, posto que o Fondo de Documentación é un proxecto vivo pensado para seguir enriquecéndose con toda a información posible sobre o territorio, chegou unha segunda fase, de posta en valor desa documentación para poder ofrecela ao público en xeral. Nesta liña os técnicos da Asociación traballaron para poder ofrecer unha síntese deste traballo a través da páxina web, creada pola empresa Triade Comunicación, dende a que se xestionarán e farán públicos os traballos e materiais realizados a partir das informacións extraídas do Fondo de Documentación para o Coñecemento do Eume.
Este material será o punto de partida desta web, á que se van engadir novos materiais, tanto procedentes dos arquivos de Euroeume, como daquelas persoas interesadas en enriquecer este Fondo, a través da cesión de materiais de todo tipo que podan ser de interese para continuar coa tarefa de investigación sobre este territorio. A web dispón dun formulario para que todos aqueles que estean interesados en facer as súas aportacións ao Fondo, sexan fotos, gravacións antigas ou documentos de calquera outra índole, se poñan en contacto con EuroEume para concretar esa cesión. Por suposto, as aportacións de materiais non serán definitivas, e en todos os casos as posibles colaboracións implicarán a devolución do material cedido, é dicir, se por exemplo alguén está interesado en que unha foto que posúe pase a formar parte do Fondo, non ten que botarse atrás pola teima de que poida perder esa foto. Dende EuroEume garántese a devolución desa imaxe, unha vez dixitalizada.
Os materiais do Fondo de Documentación para o Coñecemento do Eume estarán dispoñibles nesta nova páxina, cuxo enderezo é http://fondo.euroeume.org. Todos aqueles que visiten a web poderán ver fotos antigas, novas xornalísticas, documentos arquivísticos, vídeos e outros recursos alí recollidos, todos eles referentes aos nove concellos que forman o ámbito de actuación da Asociación Euroeume.