Amigus
As Pontes

O Club Náutico Folixa estará no IBCPC Participatory Dragon Boat Festival

Sete palistas do Club Náutico Folixa participarán do 24 ao 30 de agosto no IBCPC Participatory Dragon Boat Festival, que se celebrará en Aix-les-Bains, Francia, nas augas do lago Bourget.

Este gran encontro internacional reunirá máis de 320 equipos e arredor de 4.500 palistas procedentes de 37 países, todos eles formados por mulleres superviventes de cancro de mama. Un evento que converte o dragon boat en moito máis ca un deporte: unha ferramenta de superación, compañeirismo e celebración da vida.

As sete representantes do Club Náutico Folixa formarán parte do equipo da Asociación Española de Dragon Boat (AEDB), unha selección que reúne máis de 110 palistas pertencentes a equipos de diferentes puntos de España.

Para as palistas do Folixa, esta participación supón unha nova oportunidade de compartir a paixón polo dragon boat con mulleres de todo o mundo e vivir unha experiencia única dentro dunha comunidade unida por historias de superación e polo deporte.

Máis alá da competición, será unha viaxe marcada especialmente pola convivencia, o compañeirismo e a unión entre todas as integrantes do equipo, ademais dunha oportunidade para seguir dando visibilidade aos beneficios do dragon boat para as superviventes de cancro de mama.

Desde o Club Náutico Folixa afrontan esta cita internacional con enorme ilusión e coa certeza de que será unha experiencia marabillosa que quedará para sempre na memoria das sete palistas e de todo o club.

Nova cortesía Club Náutico Folixa

También podría gustarte

Los comentarios están cerrados, pero trackbacks Y pingbacks están abiertos.