Amigus
As Pontes

O vento extremo marca a X Regata Lago de As Pontes da clase Optimist

110 regatistas participaron nunha proba moi esixente na que as refachos chegaron a superar os 30 nós e condicionaron o desenvolvemento das mangas previstas.

O Lago de As Pontes acolleu esta fin de semana a X Regata Lago de As Pontes da clase Optimist, organizada polo Club de Vela Fluvial As Pontes, en colaboración coa Real Federación Galega de Vela e o Concello de As Pontes, reunindo a 110 xoves regatistas procedentes de distintos clubs de Galicia e repartidos entre os grupos Amarelo e Azul.

A competición estivo marcada por unhas condicións meteorolóxicas especialmente duras. O vento, moi racheado e cambiante ao longo do campo de regatas, puxo a proba a capacidade técnica e a resistencia dos participantes, acadándose nalgúns momentos refachos superiores aos 30 nós.

Estas circunstancias obrigaron a modificar as previsións iniciais da competición. Os regatistas do Grupo Azul unicamente puideron completar unha das seis mangas previstas, mentres que os participantes do Grupo Amarelo, con maior experiencia, lograron disputar catro das seis probas programadas.

A xornada do sábado foi especialmente complicada, con numerosas embarcacións sufrindo envorcos por mor da intensidade do vento. Moitos deportistas víronse obrigados a retirarse antes de rematar as súas mangas, nunha demostración da dureza das condicións ás que tiveron que facer fronte.

Malia as dificultades, a regata volveu poñer de manifesto o gran nivel da canteira da vela galega e o compromiso dos mozos e mozas regatistas con este deporte.

En canto á participación local, o Club de Vela Fluvial As Pontes contou con representación en ambos os grupos. No Grupo Amarelo, Jaime Barreiro asinou unha destacada actuación ao rematar na 10ª posición da clasificación absoluta e 9º na categoría Sub-16, consolidando a súa progresión entre os mellores regatistas galegos da súa categoría.

Pola súa banda, no Grupo Azul, Jacobo Docanto non puido finalizar a única manga disputada debido ás difíciles condicións existentes no lago. Lonxe de desanimalo, esta experiencia constitúe unha valiosa oportunidade de aprendizaxe dentro dunha disciplina tan esixente como a vela.

A X Regata Lago de As Pontes conclúe así deixando unha valiosa experiencia para todos os participantes. Máis aló dos resultados, as complexas condicións de navegación obrigaron os novos deportistas a esixirse ao máximo, convertendo cada manga nunha oportunidade para aprender, corrixir erros e continuar medrando nun deporte tan apaixonante e formativo como a vela.

O Club de Vela Fluvial As Pontes quere agradecer a participación de deportistas, adestradores, comité de regata, voluntarios e familias, cuxo apoio e colaboración contribuíron unha vez máis ao éxito dunha das probas de referencia da vela infantil en Galicia.

Clasificacións destacadas

Grupo Azul Masculino

  • 1º Piero Peroni (RCN A Coruña)
  • 2º Santiago Castelo (CM Canido)
  • 3º Borja Rodríguez (RCN Sanxenxo)

Grupo Azul Feminino

  • 1ª Mara Gómez (RCN Sanxenxo)
  • 2ª Julia Rodríguez (RCN Vigo)
  • 3ª Alkyoni Grigoroudi (CM Oza)

Grupo Amarelo Sub-13 Masculino

  • 1º Martín Barros (MRCY Baiona)
  • 2º Nicolás Agra (RCN Sanxenxo)
  • 3º Tiago González (CN Ría de Ares)

Grupo Amarelo Sub-13 Feminino

  • 1ª Aroa Pérez (RCN Sanxenxo)
  • 2ª Blanca Nodar (RCN Sanxenxo)
  • 3ª Olivia Torres (RCN Vigo)

Grupo Amarelo Sub-16 Masculino

  • 1º Alejandro Alonso (MRCY Baiona)
  • 2º Guillermo García (RCN Vigo)
  • 3º José Luis Ríos (RCN Vigo)

Grupo Amarelo Sub-16 Feminino

  • 1ª Emma Pérez (RCN Coruña)
  • 2ª Helena Gómez (RCN Coruña)
  • 3ª Adriana Santos (RCN Sanxenxo)

Nova corterís Club de Vela Fluvial As Pontes

También podría gustarte

Los comentarios están cerrados, pero trackbacks Y pingbacks están abiertos.