O APARRAL CELEBROU O SEU PATRÓN, SAN XOÁN BAUTISTA
A parroquia do Aparral, celebrou esta fin de semana o seu patrón, San Xoán. A xornada festiva comezou con bombas de palenque, seguida da misa cantada pola Coral Endesa de As Pontes e a tradicional procesión arredor da igrexa e o cruceiro. A sesión vermú estivo amenizada pola orquestra Ciudad de Pontevedra.
Antes da sesión vermú entregouse a Luis Balseiro unha placa en agradecemento polo traballo realizado na comisión do pasado ano, festa á que non puido asistir por estar ingresado no hospital para restablecerse dunha doenza.
A continuación máis de douscentos comensais degustaron as excelencias dun bo xantar. O Dúo Caramelo foi o encargado de poñer música á tardiña e a citada orquestra Ciudad de Pontevedra á verbena.
A PARROQUIA DO APARRAL
A parroquia do Aparral limita ó leste e sur co concello lugués de Xermade, ó norte coa parroquia das Pontes e ó oeste coa de Ribadeume. Ten uns dezaseis quilómetros cadrados e está escasamente poboada na actualidade, tan só 68 habitantes censados (217 en 1843 e 185 en 1975), que viven nas aldeas do Aparral de Abaixo (7 hab.), Cabeza dos Fornos, O Candedo (9 hab.), As Casas Hermas, A Casilla, A Cova, O Lombo da Fonso, Os Pedregás, O Pereiro, A Pedrafita (20 hab.), O Porvelo, Precordeiro e Sexe (10 hab.). Están deshabitados os lugares de Aparral de Arriba, A Besura, O Cornocelo e O Palvelo.
Os cumes máis ó norte da serra da Loba chegan a esta parroquia, destacando a Medoña do Novil (572 metros) e o monte Candedo (506 m.). Atravesa a parroquia o río Chamoselo, que desemboca no Eume na propia vila de As Pontes, e os seus afluentes do Lavadoiro, Painceiro, Cocido e Sexe, ademais do río de Porto do Souto que fai de límite co concello de Xermade.
Á beira da estrada que vai a Vilalba, no lugar da Casilla, fundouse hai catro séculos, polos antepasados da familia Ledo Airado, a ermida da Santa do Carballo. Leva este nome xa que segundo a lenda a virxe apareceuse á xente nun carballo preto da actual capela, onde hai unha fonte coñecida como Fonte da Virxe. A primitiva ermida fora construída á beira do rego da Casilla, uns metros atrás da actual, que foi erixida por un descendente da familia fundadora antes de morrer en 1953 cando era cura de Somede.
Antigamente a festa patronal era o xoves da Ascensión. Na véspera do día grande eran traídas en procesión as imaxes de San Xoán e a da patroa do Aparral, dende a igrexa parroquial ata a ermida, de onde regresaban logo da misa.
A igrexa parroquial está situada nunha bonita paraxe rodeada de carballos e o seu entorno está nun excelente estado de conservación. Foi restaurada no ano 1999, sendo párroco o lembrado e querido don Enrique, o cura dos Chaos, e o seu campanario separado da igrexa- en 2001.
No Aparral sitúase a fonte das Boliqueiras de augas ferruxinosas, sendo antigamente moi visitada por persoas vidas de distintos lugares para curar as súas doenzas.
Aparral, 26 de Xuño de 2011 (AF)
Nova cortesía de A.F.