O CLUB DEPORTIVO AS PONTES CONQUISTOU O XXII TROFEO VILA DE AS PONTES Ó VENCER Ó RACING DE FERROL POR 2-1
O Club Deportivo As Pontes conquistou a vixésimo segunda edición do Trofeo Vila de As Pontes ó vencer ó Racing de Ferrol por 2-1 nun partido entretido e no que por momentos víronse boas xogadas por parte dos dous equipos. Gustou o As Pontes neste primeiro partido de pretempada ante un Racing que ten que ir a máis se pretende facer un bo papel na nova categoría. Tivo máis posesión de balón e as mellores ocasións nos primeiros corenta e cinco minutos p cadro ferrolán, pero o As Pontes amosouse moi ordenado e moi efectivo. Nos primeiros vinte minutos as mellores ocasións foron para os ferroláns, a primeira por mediación de Iago Iglesias, no minuto once, que Kiko desviou a córner. No posterior saque de esquina o pontés Dopico, un dos mellores do Racing, cabeceou ó poste esquerdo. Logo foi Antonio (min.15) quen mandou tamén de cabeza ó pau. Respondeu o As Pontes cun lanzamento de Totti que se foi a córner e no minuto 34 chegou o primeiro gol do encontro nun penalti transformado polo xenial Bossa logo dunhas mans dentro da área de Manu. Con este resultado chegouse ó descanso.
No segundo tempo os dous equipos presentaron outro once. O xogo estivo moi movido con máis dominio do Racing, pero sen crear moito perigo. O As Pontes defendeuse ben e a entrada no ataque de Sergio Arias e David Amado creou perigo na portería que no segundo tempo defendeu Marcos Valín. As primeiras ocasións serían para os ponteses en disparos de Bossa e David Amado. Despois sería o Racing que puido marcar nun lanzamento de Pablo, pero Marcos desviou o balón a córner. A continuación, minuto 27, chegou o segundo gol do As Pontes nun pase longo que recibe David Amado no centro do campo e despois dunha rápida galopada plántase diante de Valín ó que bate por baixo. Co 2-0 o partido quedaba practicamente sentenciado, pero os ferroláns querían cando menos igualar a contenda, polo que atacaron máis e crearon perigo na portería de Marcos; e así, no minuto 40, Álvaro Rey internouse pola banda esquerda e o seu centro foi maxistralmente cabeceado por Jorge establecendo o 2-1 definitivo.
FICHA DO PARTIDO
CD AS PONTES: Kiko, Hugo, Pablo López, Totti, Juan, Iván González, BosSA, Santi, Chicho e Pablo Domínguez. No segundo tempo entraron Marcos, David Amado, Sergio Arias, Rochela, Dani, Álex Cabarcos, Álex Montero, Jabvi, Fidi, Aitor Díaz e Chote.
RACING DE FERROL: Iñaqui. Marc, Antonio, Dopico, Manu, Iván, Xaquin, Iago Iglesias, Marcos, Carlos e Manu Barreiro. No segundo tempo: Valin, Rubén, Iván, Pérez, Dani, Iago, Pablo, Álvaro Rey, Amil e Jorge
ÁRBITRO: Adrían García Rodríguez, asistido por Acuña e Martínez, da Coruña. Terxetas amarelas a Fidi e Aitor Díaz, do As Pontes, e a Carlos e Manu Barreiro, do Racing de Ferrol.
GOLES: MIN. 34 (1-0), Bossa, de penalti. Min. 72 (2-0), David Amado. Min. 85 (2-1): Jorge.
INCIDENCIAS: Partido amigable do XXII Trofeo Vila de As Pontes disputado na tarde-noite de hoxe no campo do Poboado ante uns 300 espectadores, con presenza de afeccionados ferroláns. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e o concelleiro de Medio Rural e Servizos, Antonio Castro, fixeron entrega dos trofeos ós capitáns dos dous equipos.
Máis información en http://aspontesenfeminino.wordpress.com/
Nova cortesía de A.F.