O Fendetestas Rugby de As Pontes colócase líder

[Diario de Ferrol] O Fendetestas empezou a liga galega encaramándose ó primeiro posto, logo de vencer a domicilio ó Maseda Muimenta por 7-45.


Os sete ensaios acadados polo conxunto pontés permitíronlle sumar o punto “bonus” que lles dá esa posición de privilexio nesta primeira xornada. Saíu o Fendetestas enchufado ó partido, coñecedor das fortes saídas que se ían atopar no seu rival. De contado comezaron a facerse co dominio do oval, aínda que os lucenses demostraron unha boa organización defensiva. No primeiro balón que tivo para anotar, logo de conseguir enlazar varias fases que lle permitiron acadar superioridade, o cadro visitante desbordou e anotou un ensaio centrado que lle permitiu poñerse en vantaxe ós dez minutos.
A partir dese intre os ponteses empezaron a xogar con máis calma e seguiron na súa liña dunha boa defensa, na que foi chave a agresividade que obrigou a un grande desgaste físico ó grupo local, cando xogaba en ataque. Os de Muimenta apostaban cegamente polo xogo de dianteira, e aí atopáronse sempre con boas placaxes dos seus rivais, que recuperaban para devolver o balón a campo rival. Cun xogo moi táctico, baseado nun grande dinamismo na dianteira, e unha boa transición coa liña de tres cuartos, o Fendetestas deixou o partido sentenciado na primeira parte ó ter sumado xa tres ensaios. Na segunda metade a película non variou, co Maseda mantendo as súas armas tradicionais, pelexando metro a metro co paquete, pero sen que lle permitise nunca ó seu rival formar plataformas de avante.
Tan só ó final do partido, cos equipos moi cansos, o xogo volveuse máis desordeado, e aí chegaron ensaios para os dous equipos froito dos erros rivais. Entre as conclusións máis positivas do encontro, o adestrador pontés sacou a extraordinaria aportación de xogadores que o pasado ano non tiveran protagonismo no equipo, e como este se sobrepuxo ás baixas. Os ensaios foron de Moeche (2), Antón (2), Rafa, Toño, e Chou.

También podría gustarte
Comentarios