O Galparket Fútbol Sala parece que queda fóra da división de prata

[RTVi-As Pontes] O Galparket Fútbol Sala escolleu un mal ano para logra-lo ascenso de categoría, xa que se encontra cunha serie de modificacións na división de prata que polo momento deixan fora ó equipo local e a outros 12 conxuntos, tanto recén ascendidos como tamén a algúns que estaban nesta categoría.


De tódolos xeitos, as decisións tomadas pola Liga Nacional de Fútbol sala o pasado sábado foron recurridas polos equipos afectados, que teñen da súa parte á Federación de Fútbol Sala e tamén ás Federacións Territoriais, que celebrarán asemblea este venres, na que poderían apoia-lo recurso.
Todo o problema xurde da asemblea xeral de clubes da Liga Nacional de fútbol sala, que aprobou unha reducción dos tres grupos actuais en división de prata a unicamente dous, compostos por 18 equipos cada un. Haberá polo tanto unha división territorial entre o norde e o sur de España, que obrigará ós conxuntos Galegos a desprazarse ata Cataluña e e a outras zonas de Aragón e Pirineos, o que afecta moi negativamente ós clubes máis modestos.
Esta asemblea rexeitou tamén a solicitude do Galparket para militar o vindeiro ano en División de prata, alegando que non se pagou a cota de inscrición, o que afecta tamén a outros 12 clubes, 5 deles recén ascendidos este ano e outros oito que xa estaban en prata.
Evidentemente estas decisións foron recurridas polos conxuntos máis perxudicados, entre eles o da nosa vila, e polo momento a liga na división de prata está paralizada ata que non se resolva este recurso. A Federación Nacional de Fútbol Sala e as territoriais teñen denunciado tamén as decisións tomadas na asemblea, xa que o convenio suscrito coa Liga Nacional indica claramente que non se pode facer cambios nas categorías deica o vindeiro ano.
A directiva do Galparket agarda a que se resolva esta situación nos despachos para evitar trastoca-la ilusión do clube nesta tempada, na que acadaron o ascenso por méritos deportivos, xa que foron campións do grupo A da primeira división.
En canto ó aspecto económico, a pesar da cota fixada pola Liga, de 65 mil euros, haberá unha rebaixa por te-la ficha do Autos Puentes. Consideran que as decisións tomadas por este organismo afectarán moi negativamente a este deporte, xa que unicamente os conxuntos máis potentes, é dicir, os das grandes cidades, poderán estar nas categorías superiores. De tódolos xeitos, haberá que agarda-las próximas xuntanzas e asembleas federativas para determinar claramente como se plantexa a vindeira tempada.
aspontes.org

También podría gustarte
Comentarios