O Museo Etnográfico Monte Caxado edita unha publicación de vellas fotografías

A presentación deste traballo terá lugar o vindeiro día 5 de outubro na Biblioteca Municipal das Pontes ás oito e media do serán
O equipo de traballo do Museo Etnográfico Monte Caxado, ven de elaborar unha publicación na que se presentan algunhas das fotografías antigas que fornecen o fondo fotográfico do museo. Os seus responsábeis destacan o carácter pedagóxico do proxecto, pero tamén o divulgativo.
Ate o momento editáronse 1500 exemplares da publicación, que serán distribuidos de xeito gratuito. A presentación da mesma terá lugar o vindeiro día 5 de outubro, na Biblioteca Municipal das Pontes, ás oito e media do serán. Tódolos asistentes ao acto serán agasallados cun exemplar.
imaxes_da_lembranza.jpg


Esta publicación é unha pequena mostra das fotografías que integran o fondo fotográfico do museo que conta na actualidade cun total de 1.200 vellas fotografías, que van dende os anos 1870 ate 1980, e que foron prestadas tanto polo alumnado e as súas familias, como por persoas alleas ao colexio. Cabe sinalar que os exemplares orixinais son devoltos aos seus donos logo de seren copiados. Xa no centro clasifícanse para as distintas seccións, trece en total: A vila, A nosa xente, A emigración, O teatro, As vodas, O agro, A milicia, A industria, As festas, A escola, O deporte, Actos relixiosos e Os bailes. As fotografías introdúcense nos correspondentes albumes cos datos do doador, os nomes dos que aparecen na imaxe, o ano na que foi feita e o lugar. Finalmente deposítanse en vitrinas, pechadas por seguridade, pero dispoñíbeis para os visitantes do museo que así o soliciten.
Entrevista a Fina Fernández
Unha das persoas que integra o equipo de traballo do museo é Fina Fernández Bello, mestra de Primaria no CPI Monte Caxado dende hai 23 anos e coa que falamos sobre a idea que impulsou a elaboración deste traballo.
¿Cómo xorde a idea de recoller esta memoria gráfica?
Pois xorde como complemento indispensábel do Museo Etnográfico, xa que a Etnografía implica varias acepcións, non só son pezas e elementos en desuso que podemos expoñer. Hai unha parte gráfica que semella fundamentalmente os usos, os costumes e as formas de vida dos nosos antergos. Esa parte recompila cartas, documentos e imaxes. É coma se quixeramos poñerlles caras a moitas das pezas recollidas nas seccións do Museo.
¿Qué obxectivos se pretenden cumprir coa constitución deste fondo documental?
Cremos que o obxectivo principal é o pedagóxico. Os nenos senten curiosidade por todo, pero cando ven fotos non actuais míranas con atención, descobren moitos detalles e aprenden cousas que, ás veces, lles parecen impensábeis. Preguntan e recorren aos seus avós por se eles viviron algunha desas situacións refrexadas.
¿Cómo foi a acollida que a comunidade escolar deu a este proxecto?
Moi boa. A resposta á recompilación de vellas fotografías, tanto por parte do alumnado e as súas familias como por outras persoas da vila, tivo tal éxito que houbo momentos nos que se acumulaba o traballo. Cada ano dende o 2002, recibimos material suficiente para poder realizar a súa exposición correspondente. Por isto debemos agradecer a todas as persoas que nos axudaron coas súas fotografías a que este proxecto saira adiante e poida seguir medrando.
¿Por qué a edición deste libriño recopilatorio?
Logo de cinco anos xa dende a constitución do fondo fotográfico, decidimos sacar unha pequena mostra ao público en xeral, editando un libriño con seis fotos de cada sección, que agardamos teña boa aceptación e lles goste. Con él pretendemos dar a coñecer á xente o traballo que se fai coas fotos e transmitirlles que, cando así o desexen, están á súa disposición para velas.
¿Qué curiosidades pode atopar o público neste libriño?
Pois coidamos que xa a portada en sí é moi atractiva. Nela vese a Mª Antonia Piñón, no ano 1870, tataravoa de dous alumnos do centro, Laura e Alejandro Bellas Pereira. Destacan a beleza e serenidade da súa cara e a fermosura do seu traxe. Curiosa tamén é outra foto do ano 1898, na que aparece un neno pequeno que resulta ser idéntico ao alumno (familiar) que a trouxo ao colexio 108 anos despois. Tamen nas fotos máis antigas das vodas, apréciase a supremacía do home sobor da muller; a noiva de pé e algo retirada e o noivo sentado. A moda tamén está presente nas fotografías, que refrexan as distintas etapas da mesma: os cortes das saias iguais, a época dos impermeábeis azuis (plexiglás), etc.
portada.jpg
Foto 1. Portada do libro Imaxes da Lembranza que incorpora unha fotografía que data do ano 1870
foto2.jpg
Foto 2. Fotografía de voda do ano 1935, incluida no libro e que refrexa a supremacía do home sobre a muller. Él sentado, ela de pé
foto1.jpg
Foto 3. Fotografía dos anos 60, na que se pode apreciar a moda do momento, no corte das saias iguais
Fonte: Pegadas

También podría gustarte
Comentarios