Os preto de cen nenos e nenas que participaron no segundo campus de fútbol do Club Deportivo As Pontes gozaron da derradeira xornada coa entrega de diplomas e a visita de Ramiro Amarelle, actual xogador de fútbol praia no Milan, posuidor de varios títulos mundiais e europeos desta modalidade deportiva coa selección española e campión da copa xuvenil 1995/96 co Deportivo da Coruña fronte ó Real Madrid (2-1), quen acudiu á entrega de diplomas recén chegado de Milán.
O campus estivo impartido por Adrián Boo Rivas, preparador físico do Compostela, graduado en Ciencias da Actividade Física de Deporte e máster en Preparación Física, e Pablo López Vidal, xogador e actual director deportivo do CD As Pontes, Técnico Deportivo de Fútbol Nivel 2 e monitor de actividades de tempo libre.
Con eles estiveron Carballo, Iván Rodríguez, Marcos Bouza, Álex Antón e Santi Expósito, adestradores dos distintos equipos do Club Deportivo As Pontes.
O luns 7 estiveron como convidados o centrocampista do Pontevedra, David Pérez, e os ponteses Cañizares e Enrique Fornos, os dous procedentes da canteira do As Pontes e actualmente no Deportivo da Coruña. Por mor da distancia e a que nesta época están a xogar as súas respectivas competicións de liga en Canadá e Thailandia, non puideron achegarse a este campus os tamén ponteses Adrián López Piscu e David Rochela, que militan no Montreal Impact e Buriram United, das primeiras divisións de Canada e Thailandia. Piscu agasallou unha camiseta do Deportivo e Rochela unha do seu actual equipo thailandés.
Na xornada de clausura deste pasado venres estiveron na entrega de diplomas o concelleiro de xuventude, Jesús Tembrás, Xaime Castro, presidente do Club Deportivo As Pontes e Ramiro Amarelle, quen asinou camisetas e botas a varios participantes no campus, así como deulles a derradeira clase ós nenos e nenas.
As Pontes, 11 de xullo de 2014 (AF)
Nova cortesía de A.F.