O PROXECTO ROTOPALA iníciase cun taller de creación de vídeo para mozos/as de entre 13 e 30 anos

rotopala.jpgO achegamento á linguaxe audiovisual como instrumento para a expresión creativa de mozos con idades a partir dos 13 anos e ata os 30, é a idea sobre a que se celebrará o obradoiro de videocreación PROXECTO ROTOPALA, que comeza o 6 de Agosto nas Pontes. Ao longo de dúas semanas, en sesións de tres horas polas mañás, os participantes na actividade —que ten carácter gratuíto— poderán descubrir os aspectos básicos da creación audiovisual co obxectivo de explorar esta forma de comunicación e expresión, fomentar a creatividade e poñer en contacto con rapaces europeos procedentes dun contorno industrial coma o pontés.
O programa de actividades abrangue os diferentes procesos creativos necesarios para a elaboración de obras audiovisuais: desde o visionado de obras de referencia, ata a participación en dinámicas de creatividade ou o coñecemento dos medios tecnolóxicos e, por suposto, a gravación de imaxes e sons e a edición dos materiais con ferramentas informáticas de edición de vídeo. Como tema principal para a elaboración destas obras proponse unha das maquinarias que forman parte da paisaxe mineira pontesa, as rotopalas, en concreto a que foi bautizada como Carmen – en homenaxe á patroa das Pontes – e vendida a unha mina de Konin (Polonia) no ano 2010. A idea será crear un “cadáver exquisito” – técnica pola que se ensamblan colectivamente un conxunto de conceptos, neste caso imaxes – onde os rapaces ponteses comecen unha idea con “Carmen” como protagonista, e os rapaces polacos sexan os que a rematen. Como resultado acadaranse 6 pezas audiovisuais de autoría compartida entre os rapaces das dúas vilas.
Organizada pola PLATAFORMA EN DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES, e co apoio do Injuve a través dos Proxectos de Iniciativa Xuvenil do Programa Xuventude en Acción, a actividade estará impartida por unha profesional do audiovisual galego –Sabela Pernas Soto–, unha especialista en psicoloxía –Ana Seijo Cuba– e unha Licenciada en Belas Artes e Fotografía- Sol Álvarez Soto –. As clases terán lugar na Casa Dopeso desde o 6 ata o 17 de agosto, en sesións de tres horas en horario de mañá. Debido a que os medios e aplicacións que se utilizarán son dixitais, requírese que os participantes teñan coñecementos básicos da utilización de ordenadores.
As inscricións poden realizarse no enderezo videodinamizarte@gmail.com, e o número prazas é limitado polo que se terá en conta a exposición de motivos para participar. A participación é gratuíta.

También podría gustarte
Comentarios