OPTIMISMO NO CLUB E AFECCIÓN PONTESA DE QUE O EQUIPO SEGUIRÁ UN ANO MÁIS NA TERCEIRA DIVISIÓN
A falta da derradeira xornada de liga, seis son os equipos implicados para ocupar as dúas prazas de descenso directo xa están descendidos Lalín e Sanxenxo- e unha ou dúas dos arrastres da Segunda B. Nesta derradeira xornada o As Pontes visita ó Bergantiños, un rival directo pola salvación.
A SALVACIÓN ESTÁ NA VITORIA EN CARBALLO: Un triunfo sobre o conxunto de Carballo daríalla ós ponteses a décimo cuarta posición na clasificación, eludindo así os catro descensos directos e dous arrastres de descender o Celta B (o Montañeros xa está na Terceira División). Acadaría o décimo terceiro posto se o Negreira perde en Vilalba.
EMPATANDO: En caso de empate o conxunto pontés obtería 42 puntos. Podería ser superado por Areas se gaña en Betanzos e polo Estradense se vence na casa ó Vilalonga, polo que descendería directamente. De non gañar o Estradense e perder o Areas en Betanzos, o As Pontes sería superado polo cadro betanceiro, xa que venceu nos dous partidos. Entón o As Pontes baixaría un posto e descendería polo arrastre do Montañeros.
PERDENDO: De perder este domingo e gañan Estradense, Cultural Areas ou Betanzos, o As Pontes descendería dous postos e baixaría directamente a Preferente. Sen embargo, pode haber un dobre empate a puntos con Estradense se este iguala na casa co Vilalonga, polo que o As Pontes quedaría por riba pola diferenza de goles xeral. Igualmente pode producirse un triplo empate a 41 puntos entre As Pontes, Areas e Estradense. Neste suposto o As Pontes mantería a décimo quinta posición por diante do Areas e Estradense. Un empate co Areas tamén sería favorable para o As Pontes.
O BERGANTIÑOS: Gañando sálvase do descenso directo e dos dous arrastres da Segunda B e podería pasar ó Negreira se este perde en Vilalba. Incluso perdendo só baixaría un posto que ocuparía o As Pontes- se o Estradense perde ou empata na casa co Vilalonga e igualan Cultural Areas e Betanzos. Perdendo diante do As Pontes podería empatar a 43 puntos con Areas e Estradense. Baixaría tamén unha posición a favor do Cultural Areas e descendería por arrastre.
Para evitar todas estas combinacións, tanto o Bergantiños coma o As Pontes sairán a por todas este domingo na procura dos tres puntos que lle dean a un ou a outro a salvación de xeito matemático. No cadro pontés hai optimismo logo da goleada ó Rápido de Bouzas, nun partido no que os de Manolo García tiveron fases de bo xogo e o máis importante, estiveron moito máis acertados de cara ó gol que noutros encontros. O equipo está con moita moral e confían en saír airosos de Carballo e regresar a As Pontes coa permanencia na Terceira División asegurada.
AUTOCARES GRATIS A CARBALLO: Finalmente, sinalar que o Club pontés pon autocares gratuítos para os afeccionados que desexen desprazarse ata Carballo a presenciar en directo este decisivo partido. Os interesados deben chamar ós teléfonos 981.451068 (Club, de 18:00 a 20:00), 607.378.970 e 600.671.775 antes das 20:00 horas do venres, 11 de maio. A hora de saída está programada para as catro da tarde dende a praza do Hospital.
Nova cortesía de A.F.