OS ANTIGOS VECIÑOS DO MEIDELO E VILAR CELEBRARON O SAN CRISTOVO
O lugar da Esfarrapa, un dos anacronismos da división territorial de Galicia, pois esta aldea está dividida entre As Pontes e As Somozas, celebrou a festividade do San Cristovo, festa que antes da explotación da mina de carbón conmemorábase na vella capela da aldea do Vilar.
As festas comezaron o sábado con dianas e alboradas a cargo da banda de gaitas Alfaia, que tamén acompañou a procesión. O domingo foron Os Suplentes os que iniciaron a xornada. Os grupos Meritxell e Enclave amenizaron as sesións vermú e as verbenas.
O domingo, despois de entonar o himno do Barrio e das pezas da misa a cargo de Enclave, os varios centos de antigos veciños das aldeas desaparecidas degustaron un xantar a base de empanada, churrasco, cachelos e un bo viño. Á sobremesa un membro da organización adiantou ós asistentes un ambicioso proxecto que pode quedar plasmado en vindeiras datas.
De toda esta barriada do Meidelo e do Vilar tan só quedan as aldeas da Carballeira, O Castelo, Cheibán, A Esfarrapa, Rámez e Reboredo. Están situados ó norte da parroquia de Vilavella e neles habitan unha trintena de persoas. O lugar do Grou atópase na actualidade en ruínas. O progreso fixo que desapareceran para sempre as aldeas da Cartilida, O Casaldaboa, A Casalonga, O Castro da Uz, Ferreira, O Meidelo, O Outeiro, A Picheira, O Ribeirón e O Vilar.
A actual capela data de 1989, que este ano estreou novo adro. A antiga estaba situada na aldea do Vilar e fora construída no século XVIII pola familia Fresco. Dela só se conserva a campá e as imaxes. Dende moi antigo vense celebrando a festa na honra de San Cristovo a primeira semana de setembro, aínda que no primeiro terzo do século XX pasou ó día do patrón, no mes de xullo. Aló polos anos cincuenta e sesenta do século pasado a festa tivo moita sona, pois a ela ían moitos romeiros de aldeas da comarca.
As Pontes, 5 de Setembro de 2011 (AF)
Nova cortesía de A.F.