Os colexios San Xoán e A Fraga participarán nas “escolas viaxeiras”

[Diario de Ferrol] Un curso máis, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia convocou axudas para a realización de actividades de “escolas viaxeiras”, unhas contías das que este ano beneficiaranse un total de 36 centros da comunidade galega. Entre eles figuran dous da comarca, en concreto os colexios de Educación Infantil e Primaria San Xoán de Filgueira de Ferrol e a A Fraga das Pontes.


No marco deste programa, dirixido aos cursos de 4°, 5° e 6° de Primaria, un grupo de escolares de cada un dos centros viaxará durante unha semana a outra cidade española na que se desenvolverán diferentes actividades de tipo formativo cultural fóra do medio propiamente escolar. O lugar de destino para os alumnos do San Xoán de Filgueira será Soria, mentres que os ponteses terán a oportunidade de coñecer en profundidade La Rioja. En ambos os dous casos, e segundo a información achegada polo departamento educativo galego na resolución publicada no mes de decembro, as viaxes desenvolveranse do 18 ao 24 de maio.
Na ruta soriana, visitaranse lugares como Berlanga de Duero, Numancia ou Medinaceli, mentres que na comunidade rioxana serán destino de interese os lugares polos que pasa o Camiño de Santiago ou as zonas declaradas patrimonio da Humanidade, entre moitos outros lugares.
Finalidade
Ao situar ao alumnado nun medio diferente ao que está acostumado na súa vida cotiá, as escolas viaxeiras propician unha maior convivencia e cooperación entre os compañeiros e o profesor que os acompañará no seu periplo. Tamén lles permitirá ampliar os seus coñecementos e a súa comprensión integral, ao se poder achegar “a diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historias e recursos”, segundo se salienta desde a Consellería de Educación. En cada unha das rutas participarán alumnos de diferentes comunidades autónomas durante toda unha semana.

También podría gustarte
Comentarios