PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 2 – SDC GALICIA DE MUGARDOS 3

O Mugardos levase o derbi tras remontar un 2-0 nos últimos 15 minutos, ante un As Pontes que leva 11 xornadas sen gañar.

O Mugardos levouse o derbi deste domingo nun disputado partido tras anotar tres goles nos últimos quince minutos.

Tivo unha ocasión moi clara Rogerio na área pequena ao pouco do comezo, pero foi nunha contra cando Michel anotaba un golazo pola escadra dende o borde da área (22´). Puido facer o empate Del Río xusto antes do descanso tras un penalti evitable, pero o pichichi da categoría non puido marcar a un Valentín soberbio (44´).

Na segunda metade tras un roubo de balón de Leira a Chis, vaise Michel, que tira, desvía David, e Rogerio marca o segundo a pracer (51´). Outras dúas contras perigosas dos locais, cunha ocasión moi clara de Michel, e un man a man de Rogerio, ambas salvadas polo gran David Gómez, ex internacional español sub17.

Pero os pulpeiros tamén tiveron as súas por medio de Artai e Quique, salvando Valentín. Pero foi no último cuarto de hora cando cambiou o partido. Nunha xogada polémica na que os locais reclamaron falta e fora de xogo, chega unha internada por banda esquerda de Quique que remata sobre a mesma liña Koki para acurtar o marcador (78´).

Posteriormente era Gabarre nunha gran falta a moita distancia na que se agardaba o centro pero aproveitou con picardía para marcar un golazo pola escadra ao que non puido chegar Valentín (84´).

Pero os verdes non se conformaron co empate e Del Río pelexou unha bola que acabou en falta perigosa e expulsión de Montes. Falta botada por Gabarre, despexa Valentín e moi atento o héroe Koki para empalar o balón e dar a vitoria con dous goles en apenas media hora no campo (95´).

Moi contentos en Mugardos, que se poñen quintos con 28 puntos, e menos en As Pontes, sextos pola cola con 15, cunha próxima visita importante a Rianxo antes de rematar 2022 e tratar de poñer fin a once xornadas sen gañar con 5 dos últimos 33 puntos.

2 CD AS PONTES. Valentín, Criado, Tijan (Espeso 77´), Bangaly, Montes, Traba, Martínez, Alberto (Otero 63´), Michel, Fernández (Jaime 89´), Rogerio (Luis 72´).

3 GALICIA DE MUGARDOS. David Gómez, Rodri (Martín 46´), Roi (Jorge 67´), Barbeito, Adrián, David (Gabarre 58´), Del Río, Carlos (Quique 46´), Artai (Koki 67´), Pita, Chis.

Goles: 1-0, Michel (22´). 2-0, Rogerio (51´), 2-1, Koki (78´), 2-2, Gabarre (84´), 2-3, Koki (95´).

Árbitro: Seoane Sánchez (Coruña). Auxialiado por Miño Rojas e Dopico Pérez. Amarelas a Traba, Martínez, Criado, Casanova, Rivas e Borja Bello. Expulsado con dobre cartón Montes (94´).

Incidencias. Campo de O Poboado, en tarde fría. Uns 175 espectadores, a maioría visitantes.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios