PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 4 – BETANZOS 1

Sufrido triunfo dun As Pontes que acabou goleando e afianza a cuarta posición

Sufrido triunfo do As Pontes no encontro disputado este domingo ante o Betanzos, i é que, a pesar de que os de Marco Roca dispuxeron de máis e mellores ocasións, os visitantes levaron o peso do encontro os noventa minutos.

Tras un primeiro disparo de Eloy dende fóra da área (4´), nun saque de falta de Bossa, rematou de cabeza Rego ó fondo das mallas. De vivierense a viveirense (9´).

Buscaron os vermellos o gol do empate, e incluso reclamaron un posible penalti de Martínez a Andrés, pero foi o As Pontes o que puido conseguir o segundo, tras un saque de córner que Iglesias rematou por dúas veces (26´), e unha boa combinación entre Fidi e Alex, que Eloy acaba disparando por alto (33´).

Se ben é certo que cun remate de Sergio, que peitea de cabeza e o balón marcha lamendo o pau (40´), os da terra do repolo puideron empatar, pero co 1-0 chegouse ó descanso.

No segundo período comezaron apretando os vermellos, e cando máis embotellado tiñan ó cadro local, magnífico envío de Bossa dende a súa área a Pardo, que no centro do campo, gáñalle a partida ó único defensor, encara á porta, regatea a Míguez e anota o segundo (56´).

Non se descompuxeron os de Francisco González, e así, Paco fai un paradón a un remate de Sergio (59´) e posteriormente é Cris, quen, dentro da área, cabecea ó pau (63´). Logo, volve a despexar cos puños o gardameta ferrolán noutra aproximación perigosa visitante (66´).

Pero foi nunha gran internada por banda esquerda de Pardo, que centra á área pequena, e a pracer, en boca de gol, de cabeza anota Eloy o 3-0 que semellaba definitivo (68´).

Pero o Betanzos seguía sen darse por vencido, e recurtou distancias por medio de Sergio, que cabeceou un centro dentro da área pequeña e o balón acabou entrando tras tocar lixeiramente no poste (72´). Posteriormente, nunha gran xogada do ferrolán Artai, Dani acaba rematando fóra (76´).

Sen embargo, nos derradeiros minutos, monopolizou o As Pontes as ocasións, e marcou por medio de Eloy, que noutra gran internada de Pardo, nesta ocasión por banda dereita, chega ata a liña de fondo, e cede atrás a Eloy, que marca chegando á área pequena, colando o balón no segundo pau (85´).

Pero ben puideron ser máis nestes últimos minutos, pois tras un centro de Criado, desviado por un defensa, o balón caelle que nin pintado a Fidi, que remata fóra (79´). Xa nas postrimerías, e cos visitantes vencidos, noutra galopada do tanque de Ortigueira, con centro moi perigoso, despexa o balón a córner un defensa antes de que remate Carballeira a porta baleira (89´). A continuación, xogadón de Ramos que remata en córner (90´), e cabezazo de Dani por riba do longueiro (91´).

Precisamente cun gol, anulado, rematou o encontro, i é que Fidi dentro da área, cédella a Carballeira, que marca chegando só o segundo pau (93´), aínda que o colexiado entendeu que en fóra de xogo.

Sen tempo para máis, o As Pontes afianzou a súa cuarta posición con 27 puntos, aínda que lle favoreceron máis algúns resultados dos seus perseguidores que o dos equipos que marchan por riba, pois o Paiosaco venceu 3-4 no desconto ou o Arzúa por un axustado 0-1.

Precisamente a vindeira semana o equipo azul visita ó líder Paiosaco, nun partido crucial para non perder comba, sobre todo con respecto a segundo e terceiro clasificados. O líder está ata o de agora intratable, con 12 vitorias por 3 empates, e so cedeu una igualda en Porta Santa, ante quizais o equipo con mellor plantel, o Polvorín (2-2).

O Betanzos, pola súa parte, é decimoquinto con 16 puntos antes de recibir a un rival directo como o Xallas. Décimo séptimo encontro oficial no Campo do Poboado entre ambos equipos e undécima vitoria para os azuis, por tres empates e tres vitorias visitantes.

4 CD As Pontes. Paco, Criado, Alex, Rego, Dani, Adrián Martínez, Ramos, Bossa (Chis 88´), Eloy (Carba 86´), Fidi, Adrián Iglesias (Rubén Pardo 52´).

1 Betanzos CF. Míguez, Dani, Borja, Pipo, Tain, Cris (Jesús 69´), Andrés (Nico 69´), Ramón, Sergio (Carneiro 84), Martín (Manu 79´), Artai.

Goles. 1-0, Rego (9´). 2-0, Pardo (56´), 3-0, Eloy (68´), 3-1, Sergio (72´), 4-1, Eloy (85´).

Árbitro. Iván Montero Piñeiro (Lugo). Auxiliado nas bandas por Pereira Ferreiro e Rodríguez López. Amoestou a Adrián Martínez, Pipo, Andrés e o visitante Dani.

Campo e incidencias. Campo de O Poboado. Máis de 100 espectadores en tarde soleada e fría.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios