Amigus
As Pontes

PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 4 – SD AGOLADA 0

Novena vitoria consecutiva dun As Pontes que se sitúa a unha de igualar o récord

O As Pontes venceu na tarde de hoxe no Poboado ó Agolada por 4 goles a 0, nun encontro que tivo dúas partes ben diferenciadas. Na primeira metade, o equipo, a pesar de dominar máis, atopouse co vento en contra ademáis da ausencia do director de orquestra habitual, Bossa, que non foi da partida.

Avisou Ramos cun remate a rentes do pau (2´), pero respostaron os pontevedreses tras un saque directo de córner moi axustado que marchou por pouco (9´). Logo foi Rego, quen, tras un saque de córner cabecea moi preto do poste (11´), e nunha boa internada de Sergio por banda dereita, non chega a rematar Erni en boca de gol (15´). Tras un mal despexe de Martín queda só Aitor, pero consigue salvar Paco (18´).

Despois dun balón que rebotou en Erni e a piques está de sorprender a Paco (29´), inmellorable ocasión dos locais, cun bo pase de Fidi, que nin Sergio nin Erni, completamente sós na área pequena, consiguen rematar (30´). Máis claras foron as dúas seguintes, tras saque de córner, primeiro cabecea Rego e saca un defensa baixo paus (33´), e no seguinte é Martín quen remata ó pau (34´).

Cun disparo de Brais que se marchou polo lateral da rede (40´), acabou a primeira metade, pero o devenir da segunda foi completamente distinto. Así, ós quince segundos da reanudación, cabalga o recén ingresado Rubén Pardo por banda esquerda, centra, e un defensa, cando chegaba só Erni, despexa o balón cara á súa porta (46´).

Despois é o propio xogador de Viveiro quen avanza só, ve ó porteiro adiantado, e colalle o balón por riba anotando o tanto da tranquilidade (49´). Logo salvou Paco ante Aitor, que voltou a quedar só (54´), e despois é Pardo quen avanza por banda dereita e remata moi pegado ó primeiro pau (58´).

Ata que chegou o gol da sentencia, tras un barullo na área, caelle ó balón a Dani, que acababa de saír, e manda o esférico ó fondo das mallas (63´), redondeando o marcador Pardo, pouco despois, que ve ó porteiro adiantado e marca por alto (68´).

O propio xogador de Ortigueira puido facer un tanto semellante apenas dous minutos despois, pero o esférico marchou un palmo por riba do longueiro (70´), e tras unha gran xogada de equipo é Criado quen queda só, pero remata moi alto (80´).

Sen tempo para máis, o As Pontes segue líder con 27 puntos, por 25 de Sarriana, 21 de Noia e 18 de Arzúa. Os azuis quedan a un paso do mellor arranque ligueiro do clube, a racha de dez triunfos consecutivos na 1972-73.

Para igualalo deberán gañar ó complicado Montañeros, que non está a ter un gran inicio de Liga, pero ten a xogadores do nivel de Herbert, Juan Pérez ou Hugo Criado, ademais dos ponteses Elmer Bouza e Hugo Filgueiras.

4 CD As Pontes. Paco, Criado, Ramos, Rego, Martín (Toni 46´), Adrián, Carlos (Dani 63´), Sánchez, Sergio (Pardo 46´), Fidi (Josiño 72´), Erni.

0 SD Agolada. Rafa, Sánchez, Santi (Pablo 84´), David García (Pacheco 69´), Brais, Joel, Alexandre, Bieito, Canutas, David Pereiro (Jemba 69´), Aitor.

Goles: 1-0, Bieito, pp (46´), 2-0, Erni (49´), 3-0, Dani (63´), 4-0, Pardo (68´).

Árbitro: Juan Carlos Pérez Carmuega (Pontevedra). Auxiliado por Sartages Bermúdez e Montoto Taboada. Amarela a Fidi.

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores en tarde moi soleada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios