PREFERENTE NORTE. CD FOZ 0 – CD AS PONTES 1
Sufrido triunfo do As Pontes en Foz cun golazo de Quique nun partido no que dominou e tivo algunha ocasión para sentenciar
O As Pontes sumou este sábado á tarde outros tres puntos en Foz tras vencer ó conxunto locatario por 0-1 cun golazo de Quique preto do descanso, nun encontro no que non puido estar presente o adestrador Marco Roca, por cuestións de saúde, ocupando o seu lugar o seu segundo, Lillo.
O As Pontes foi o dono do balón dende o inicio si ben nos primeiros minutos apenas houbo ocasións, os locais disparaban con pouco perigo dende fóra da área, mentres as intentonas dos azuis non chegaban a concretarse na área lucense.
A primeira aproximación perigosa foi tras unha combinación entre Bossa e Dani, e o disparo de Quique vai ás mans do porteiro (28´). Logo é Dani a quen tras un córner e un rexeite caelle o balón e mandao por alto (34´). Ata que chegou o gol azul, tras un centro de banda de Criado que Quique cabecea ó fondo das mallas entrando polo escuadro (39´).
Isto espoleou ós locais e un zapatazo de Gayol fixo estirarse a Paco (41´), si ben cun remate de cabeza de Martín que marcha rozando o longueiro co porteiro xa batido chegouse ó descanso (47´).
No segundo período o mesmo guión. Destacar unha falta de Bossa que non chega a cabecear Dani e o balón perigoso vaille ás mans ao porteiro (56´), posteriormente tiro cruzado de Erni (57´), e máis clara foi a ocasión tras un pase en profundidade ó recén ingresado Pardo, que vaise só e ante a saída de Bruzos, dispara, pero este saca co corpo (64´).
Pero a oportunidade máis clara de todo o segundo tempo chegou tras unha internada de Alex con centro á area pequena e co porteiro xa superado e a porta baleira Dani que non a esperaba deulle tan forte que a mandou por riba do longueiro (69´).
Os locais, empurrados polo seu público, buscaban o empate, sobre todo nas xogadas de estratexia, e tras saque de córner cabecea Xenxo e despexa Paco (71´), e tras outro saque de esquina acaba sacando Dani co corpo (79´).
Co equipo lucense botado cara adiante o As Pontes levou moito perigo nas contras pero non soubo finiquitar o partido. Pardo queda só ante Bruzos, e picalle o balón pero este vaise desviado (80´).
Despois tivo dúas seguidas Carlos, ao que lle acaban quitando o balón dentro da área (88´ e 91´), e xa no desconto a máis clara nunha internada de Pardo que lla cede ao propio xogador de Ares, que dispara e acaba despexando un defensa baixo paus (93´)
Sen tempo para máis o As Pontes xa se sitúa con 71 puntos antes de recibir ó Negreira. Con esta cuarta vitoria a domicilio, o As Pontes iguala o total de duelos cos focenses, que dominan no seu campo con doce vitorias, tres empates e catro derrotas, os mesmos rexistros que suma o As Pontes no Poboado, polo que ambos equipos teñen 16 vitorias por 6 empates.
0 CD Foz. Jose, Samuel (Cristian 62´), Javier, Jesús, Óscar, Daniel (Xenxo 67´), Jacob, Gonzalo (Pablo 67´), Gayol, Asier, Adrián (Miguel 81´).
1 CD As Pontes. Paco, Criado (Sánchez 88´), Alex, Martín, Rivas, Dani, Adrián, Bossa, Erni (Carlos 63´), Toni (Pardo 59´), Quique (Ramos 73´).
Goles: 0-1, Quique (39´).
Árbitro: Óscar Enríquez Pereiro (Santiago). Auxliado nas bandas por Refojo Ferreiros e Garea Quintas. Amarelas a Samuel, Gayol, Adrián e Carlos. Expulsou por doble amoestación ó local Xenxo (91´).
Campo e incidencias. Martínez Otero. Máis de 200 espectadores en tarde soleada.
Nova cortesía de Xose Ferreiro