PREFERENTE NORTE. POLVORÍN SD 1 – CD AS PONTES 0

O equipo pontés caeu no desconto ante un rival directo, prácticamente na única ocasión dos locais

O As Pontes perdeu este domingo as súas opcións de ascenso ó caer no desconto ante o Polvorín, que fixo valer prácticamente o seu único disparo entre os tres paus para sumar tres importantes puntos na súa loita co Arzúa pola segunda praza do ascenso.

Visitaba o As Pontes un Polígono do Ceao, con entrada gratuita, para enfrontarse ó filial do Lugo. Gran plantel o do equipo lucense, con Fernando Cuadrado, que hoxe non foi da partida, que é o máximo goleador da categoría con 12 tantos.

Si xogaron o porteiro Pablo Cacharrón, o lateral dereito Pedro López e o dianteiro Dani Escriche, habituais nos adestramentos do CD Lugo. Tamén estiveron no once inicial o dianteiro ex internacional español sub16 Denis López e o central ferrolán Manu Mariña, que xogou no equipo pontés na campaña 2014-15.

Nos primeiros minutos de encontro o Polvorín embotellou un pouco ó As Pontes, pero sen moito perigo, facendo varios lanzamentos dende fóra da área, sendo o máis reseñable un forte disparo de Manu que atalla Kiko (10´).

Pero co paso dos minutos o As Pontes foise adueñando do partido, e tras unha internada por banda dereita de Pardo, que centra, i én boca de gol, o balón pásalle por entre as pernas a Iglesias (28´), chegou a mellor ocasión neste primeiro período, cando tras un centro de Alex que se envelena, o remate de cabeza do dianteiro de Agolada vai ó longueiro e o rexeite cabeceao Pardo ás mans de Cacharrón (30´).

Con unha internada de Pardo, con recorte ó defensa, e forte disparo raso que detén o gardamallas lucense, chegouse ó descanso (34´). Tralo inicio do segundo acto o As Pontes foi a pola vitoria e fíxose dono e señor do encontro, pero a este equipo cústalle moito marcar goles.

Quitando os xa lonxanos dous primeiros triunfos contundentes na casa ante Sofán (4-0) e Escairón (5-1), a vitoria en Castro (0-3), e a remontada puntual ante o Ordes (4-3), o equipo apenas anotou cinco goles en oito partidos.

O equipo azul dominou nestes primeiros compases, pero sen moito perigo, resaltando apenas un tiro alto de Ramos (50´), e un forte disparo de Eloy que chapa Cacharrón (58´).

Máis apretaron nos últimos minutos, comezando con unha gran ocasión nunha vaselina de Carballeira, que desvía in estremis a córner Cacharrón cando casi se cantaba o gol (71´), ao que lle seguiron un centro chut de Eloy dende banda dereita, que se pasea pola área local (73´), e un bo centro de Carba, ó que chega ó defensa para importunar o remate de cabeza de Eloy (82´).

Quizais a máis clara chegou nun córner de Bossa, que cabeceou Rego a rentes do pau (84´). E tras un forte zapatazo de Carballeira que atalla o porteiro lucense (85´), chegou o gol local no desconto.

O extremo local vaise de Alex, centra con moito perigo, Dani despexa como pode, o balón queda morto, e o recén ingresado Asier Santalla marca de tiro cruzado. Outro lateral dereito, como acontecera co Outeiro de Rei.

E tras apenas haber tirado a porta os lucenses nos 90 minutos, a piques estiveron de facer o segundo gol no desconto, tras un grave despiste de Chis, no que Javi Rey queda só, dispara, e saca co corpo Rego o balón na mesma liña de gol (93´).

Outros tres puntos se lle escapan ó As Pontes, que só suma 18 de 36, a metade, estando na zona media, oitavo, antes de recibir ó tamén equipo lucense do Residencia, duodécimo con 14, a vindeira semana.

O Paiosaco, equipo cun presuposto modestiño, e un plantel moi apañadiño, lidera a táboa coa contundencia dun Real Madrid ou Barcelona, con 30 puntos e medio ascenso no peto. Pola segunda praza polo momento semella que pelexarán Arzúa e Polvorín, que teñen 24.

1 POLVORÍN SD. Cacharrón, Pedro (Asier 84´), Rey, Manu Mariña, Óscar Rivas, Manu, Coqui (Manu Morais 69´), Luis Díaz, Escriche, Javi Rey, Denis (Facu López 79´)

0 CD AS PONTES. Kiko, Criado, Alex, Rego, Dani, Adrián Martínez, Ramos (Chis 83´), Bossa, Adrián Iglesias (Eloy 55´), Fidi, Pardo (Carba 63´).
Goles: 1-0, Asier Santalla (91´).

Árbitro: Borja Allo casal (Vigo). Auxiliado nas bandas por Extremadura Hernández e González Martínez. Amarelas a Manu Mariña, Luis Díaz, Javi Rey e Ramos.

Campo e incidencias: Campo de O Ceao. Uns 150 espectadores.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios