PREFERENTE NORTE. SDC RESIDENCIA DE LUGO 2 – CD AS PONTES 3

Complicada vitoria do As Pontes no campo da Cheda

O As Pontes sumou este domingo á tarde tres importantes puntos no Campo da Cheda, a 50 metros do Anxo Carro, tras vencer por un apurado 2-3 ó locatario Residencia.

Comezou dominando o encontro o As Pontes, que embotellou ós locais na súa área, e estes defendíanse como podían. Destacar dous tiros altos de Troncho (12´) e Fidi (13´), xogador que tamén disparou a ras do poste (19´). A máis clara sen dúbida foi nun centro dende banda de Fidi, que peitea Iglesias e desvía o porteiro o xusto para que o balón vaia ó poste (14´).

Tras unha cesión e un libre indirecto dentro da área, Alex Cabarcos disparou por alto colando o balón preto do longueiro, superando a todos os xogadores da barreira establecendo o 0-1 no marcador. Pero pouco durou a ledicia pois tras unha perda de Dani no medio campo, chegaron os locais nunha contra e prantouse só Alexandre diante de Paco e bateuno por baixo (29´).

O As Pontes, tras unha multitude de disparos en media hora vía como os branquiazuis igualaban no primeiro disparo a porta. Adri remata por riba do escuadro (31´), ata que nun gran control de Quique e prolongación para Iglesias, o dianteiro de Agolada prantase dentro da área e marca de forte disparo establecendo o 1-2 co que se chegou ó descanso (43´), logrando o seu 13º gol da campaña.

No segundo tempo o xogo voltouse máis alterno, pero aínda así o As Pontes dispuxo de boas ocasións, sobre todo nunha internada de Ramos, hoxe lateral dereito, que centra a área, e chegando só ó segundo pau Dani non puido empalar ó fondo das mallas (56´).

Noutra contra é Quique quen remata e saca o porteiro coas pernas (61´). A falta de vinte minutos, os locais reclamaron man dentro da área, e nas protestas resultou expulsado Diego Corredoira e o adestrador.

O encontro seguía polos mesmos derroteiros, o As Pontes buscaba o perigo nas contras mentres os locais buscaban colgar o balón na área pontesa en busca de un rematador.

Centra Iglesias dende banda e toca o xusto un defensa para despexar a corner antes de que remate Carba en boca de gol (74´). Noutra boa internada por banda esquerda, o dianteiro de Agolada cede o balón cara atrás e marca Dani Carballeira de forte disparo (84´).

Semellaba a sentenza. O propio Carba tivo outra ocasión pouco despois que despexa o porteiro (86´). E xa co tempo cumprido o árbitro sinalou como penalti un suposto leve empuxón de Rego sobre un xogador local. Penalti que anotou Dani Galán, para a continuación sinalar o final do partido.

Dos equipos de arriba so pinchou o Ribadeo, que empatou na casa. O As Pontes, con 61 puntos, recibe a vindeira fin de semana ó Dubra, que hoxe venceu 3-0.
2 SDC Residencia. Diego Bravos, Fernando (Yeray 45´), Adrián (Raposo 45´), Borja, Diego Corredoira, Dani Galán, Diego López (Roberto 75´), Pablo, Isaías (Jose 77´), Alejandro, Alexandre.

3 CD As Pontes. Paco, Ramos, Alex, Rego, Maroñas, Dani, Quique (Carba 63´), Bossa, Iglesias, Fidi (Toni 85´), Troncho (Criado 78´).

Goles: 0-1, Alex Cabarcos (27´), 1-1, Alexandre (29´), 1-2, Adrián Iglesias (43´). 1-3, Carba (84´), 2-3, Dani Galán, de penalti (93´).

Campo e incidencias: Campo de A Cheda. Algo máis de cen espectadores en tarde con ceo encampotado e chuvioso por momentos.

Árbitro: Héctor Castiñeira Blanco (A Coruña). Amarelas a Pablo, Diego López, Troncho, Rego. Expulsado con dobre cartón Diego Corredoira (70´), e o adestrador local.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios