PROXECTO ROTOPALA: Hoxe ás 20h00 no Salón de Actos da Casa da Cultura das Pontes

Hoxe, 28 de setembro de 2012, ás 20.00 horas, proxectaranse no Salón de Actos da Casa Dopeso, as curtametraxes resultantes do obradoiro de videocreación “Proxecto Rotopala”, realizado ao longo dos meses de Agosto e Setembro de 2012, nas vilas das Pontes e de Konin (Polonia). Esta aventura conxunta ten por obxectivo contrastar o patrimonio industrial das dúas vilas mineiras.
O proxecto foi organizado pola PLATAFORMA EN DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES, co apoio do INJUVE, e impartido por unha profesional do Audiovisual galego –Sabela Pernas Soto–, unha especialista en Psicoloxía –Ana Seijo Cuba– e unha Licenciada en Belas Artes e Fotografía- Sol Álvarez Soto –.
rotopala.jpg


A proposta tivo moi boa acollida en Polonia e o Club Amateur de Cineastas “Muza” da KDK (Casa da Cultura de Konin), dirixido por Andrzej Mos, involucrouse no proxecto con moito interese.
No mes de Agosto, durante dúas semanas, realizouse nas Pontes un obradoiro de videocreación dirixido a rapaces de entre 13 e 30 anos, tendo como tema o traslado de dúas rotopalas pontesas á mina de Konin. Deste obradoiro saíron cinco historias sobre “Carmen” e Dolores” (que foi como lles chamaron en Konin ás rotopalas).
No mes de Setembro esas historias foron rematadas por outros tantos mozos e mozas de Konin, dando como resultado cinco creacións audiovisuais internacionais, de autoría compartida.
Baixo o lema “pensar global, actuar local” que promove o programa Xuventude en Acción, as obras audiovisuais serán o resultado máis visible do proxecto. Pero tamén se pretende crear un espazo de reflexión e analizar as similitudes e diferenzas entre dous enclaves mineiros que están atravesando diferentes fases do mesmo proceso (desenvolvemento no caso de Konin e reconversión no caso pontés).
Un dos aspectos que está a resultar máis interesante é a proposta por parte dos polacos de establecer un intercambio dos materias de arquivo de ambas vilas para crear un fondo fílmico que poderá ser empregado en proxectos futuros.
O obxectivo do proxecto é que a xuventude consiga ver doutro xeito a súa paisaxe máis próxima e cotiá, permitindo reflexionar e poñer en valor o patrimonio industrial das súas vilas.

También podría gustarte
Comentarios