Amigus
As Pontes

POR QUINTO ANO CONSECUTIVO GOENTE CELEBROU A FESTA DE SAN ROQUE DO VAL

Levaban máis de vinte anos sen tela e en 2013 os veciños recuperaron esta tradicional festa

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

A parroquia pontesa de Goente, unha das máis poboadas do concello, celebrou este domingo 13 a festa de San Roque na capela reconstruída en 1982 no lugar das Congostras e antes situada no Val, aldea que desapareceu hai máis de trinta anos por mor da explotación da mina de carbón- De aí o seu nome de San Roque do Val.

A xornada deste domingo 13 de agosto comezou con bombas de palenque anunciando a festa a primeira hora da mañá. Ó mediodía celebrouse a misa na capela e a continuación a procesión coas imaxes de San Roque e San Antonio que estivo acompañada co grupo de música tradicional Os Tafornelos (nome dunha aldea da parroquia de Recemel), cuxos compoñentes proceden de varias parroquias do arredor.

A sesión vermú estivo a cargo do propio grupo Os Tafornelos e o dúo Caramelo. Despois, lugareños e visitantes xuntáronse no mesmo campo da festa nun xantar ó que asistiron máis de 150 persoas.

Á tardiña, as voces e a música de Patricia e Jorge, membros do dúo Caramelo, de Ferrol, amenizaron as pezas da verbena, que comezou como antano, ó solpor do día para rematar á media noite.

O ambiente era de alegría e todo o mundo estaba moi contento por celebrar de novo esta festa, que xa vai pola quinta edición despois de máis de vinte anos, xa que a última foi no ano 1994 e a primeira, logo do traslado da capela ó lugar actual no ano 1982.

SAN ROQUE DE MONTPELLIER

Os historiadores non se poñen de acordo nas datas de nacemento e falecemento de San Roque (Sant Roc en occitano). Segundo a tradición naceu en Montpellier (Francia) en 1295, mentres que outras versións trasladan o seu nacemento ó século XIV, entre os anos 1348 e 1350.

Tampouco hai unha data concreta do seu falecemento. Uns din que foi o 16 de agosto de 1317 na prisión de Montpellier e outros que aconteceu entre os anos 1376 e 1379 na cidade de Voghera, en Lombardía. Foi canonizado pola igrexa católica en 1584.

Foi un peregrino que viaxou ata Roma percorrendo Italia e curando a tódolos infectados pola peste. A súa devoción estendeuse moi rapidamente a partir do século XV. Dende Venecia o seu culto espallouse ó mundo xermánico e ós Países Baixos. A Confraternitá o Scuole di San Rocco creou un confraría en 1477 en Venecia dedicándose á hospedaxe de enfermos da peste, construíndo capelas e centros de acollida por toda Italia.

Unha das igrexas máis coñecidas dedicadas a este santo está en París, moi preto do Museo do Louvre. Fíxoa edificar o rei Luís XIV en 1653. En toda Europa e América Latina hai numerosos templos dedicados a este santo.

A súa onomástica celébrase o 16 de agosto. É o santo protector da peste e tódalas epidemias, así como dos peregrinos, enfermeiros, cirurxiáns, dos cans e dos inválidos. Está representado vestido de peregrino cunha ferida na perna e acompañado dun can ou un anxo.

Goente (As Pontes), 13 de agosto de 2017 (AF)

Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios