Repartindo a nosa riqueza
Movéndonos polo dereito a vivir dignamente, movéndonos pola RBis! Con este lema as xentes de Baladre e colectivos parceiros avanzamos a programación da 1ª Semana Galega pola Renda Básica das Iguais.
Nas Pontes apoiando o traballo das xentes de Baladre, e esperando que isto sirva para levar o debate sobre a Renda Básica das Iguais á sociedade do noso entorno, teremos a presentación do estudo de viabilidade da Renda Básica o vindeiro martes, 29 de xaneiro, ás 20.00 horas na Sala Polivalenta da Casa Dopeso.
O pasado mes de decembro, co galo da presentación en Compostela do libro Repartindo a nosa riqueza, que expón os resultados do estudo de viabilidade da RBis en Galiza, as persoas que vimos dinamizando a proposta no noso territorio decidimos dar uns cantos pasiños máis.
De cara a xerar debate sobre a utilidade desta ferramenta a hora de dar resposta á precarización que afoga a cada vez máis persoas segundo os últimos datos do IGE, ao remate do 2012, seis de cada dez fogares galegos recoñecían a enorme dificuldade que supón chegar a fin de mes-, e a gravísima situación de exclusión na que se atopan outras moitas, propuxémonos movernos polo dereito a unha vida con dignidade e igualdade.
Así, do 25 e 31 de xaneiro poñemos en marcha a 1ª Semana Galega pola Renda Básica, na cal terán lugar actividades en diferentes cidades e vilas do país.
Durante esta semana de loita polos dereitos sociais, trataremos de achegar os fundamentos no que se asenta a proposta da Renda Básica das Iguais, tanto a viabilidade económica coma social da mesma, ao maior número de persoas e colectivos, especialmente aqueles que se atopan en situación de maior vulnerabilidade como é o caso das persoas sen fogar, afectadas polo VIH, familiares de persoas presas ou mocidade. Respecto a este último grupo, o desemprego e os paulatinos recortes nas bolsas e axudas ao estudo están a facer que a emigración volva a ser a única perspectiva de futuro para moitas mozas e mozos. A esta altura, xa son 70 o número de mozas e mozos galegos que cada día parten a buscarse a vida noutro lado, coa conseguinte sangría demográfica e social que supón tal exilio económico forzoso.
MARTES 29 DE XANEIRO
20.00 HORAS
SALA POLIVALENTE (2º ANDAR) CASA DR. DOPESO.
AS PONTES.