Amigus
As Pontes

RESULTADOS CD AS PONTES SEMANA 19-20-21 XANEIRO

Empate do As Pontes en Carballo. Valiosa igualada do Feminino no único partido que non conseguiu gañar o Maniños. Vitorias do Xuvenil, ambos Benxamíns e Prebenxamín A.

PREFERENTE
SD SOFÁN-CD AS PONTES (1-1)

Empate do As Pontes en Carballo 1-1 ante o Sofán. Por un lado saen moi beneficiados Paiosaco, sobre todo, e tamén Ribadeo, e por outro perdeu o Polvorín e empataron Arzúa, Arteixo e Castro, e polo tanto segue moi comprimida unha zona alta onde os equipos non lles queda outra que lograr os tres puntos cada xornada.

Como comenta o compañeiro David Castro, xusto reparto de puntos no encontro vivido esta tarde no Campo das Eiroas, un terreo de moito susto para os azuis, pois alí estivera momentáneamente descendido o As Pontes en 2012 tras perder 2-0 co Bergantiños na última xornada. Logo, a desaparición do Montañeros e o ascenso do Ourense mantiveron en Terceira a un equipo que quedara quinto pola cola.

Houbo dous tempos diferenciados, no primeiro dominou o As Pontes, e marcou un bo gol preto do descanso Adrián Iglesias, o único dianteiro puro que queda no equipo trala marcha de Eloy. Pero o segundo período foi de dominio local e tras varias oportunidades acabou empatando Alexandre, e incluso puideron gañar no 94 cun balón que sacou un defensa pontés baixo paus.

Os locais reclamaron un penalti por man de Dani dentro da área e os ponteses protestaron un gol anulado a Rego. Destacar tamén un tiro de Rober ó longueiro dende moi lonxe que puido ser un dos goles do ano.

Xogaron Paco, Criado (Maroñas 66´), Martínez, Rego, Dani, Rober (Alex 72´), Quique, Bossa, Iglesias, Fidi (Ramos 72), Pardo.

FEMININO
CD AS PONTES-CULTURAL MANIÑOS (1-1)

Gran empate do equipo feminino ante o líder Cultural Maniños. Pouco hai que comentar da valía do punto sumado polas de Julio Montero dado que as xogadoras de Fene gañaron os 15 partidos da primeira volta e neste inicio da segunda perderon os seus dous primeiros puntos no Poboado.

Pese a que comezaron adiantándose no primeiro tempo  nunha xogada na que Celtia controla o balón no borde da área e bate a Leti de tiro cruzado, pero mediado o segundo tempo empataba Paula Baamonde co seu décimo gol da campaña.

Terceiras con 32 puntos, visitan ó úndécimo, o Discalzas de Cedeira, que ten 17.  Xogaron Leti, Yoli, Tania, Nuria, Indira, Noelia, Nerea, Xeila, Paula Castro, Carlota, Paula Baamonde e Yara. (Fotos de equipo cortesía de Karlos Basoa).

XUVENIL
CULTURAL MANIÑOS-CD AS PONTES (0-6)

Gran vitoria do Xuvenil 0-6 na súa visita a Fene ante un equipo nada doado, co que xogou a final de Copa Afaco a pasada campaña ou que foi segundo no grupo de clasificación nesta campaña.

O encontro foi máis complicado do que indica o marcador, pois ó descanso chegouse cun solitario tanto de Josiño. Pero no segundo tempo non houbo cor, e dous tantos de Cristian e Óscar, e un de Jose puxeron estableceron o 0-6 definitivo.

Xogaron Meidán, Carlos, David, Pablo, Breijo, Vilela, Óscar, Chema, Cazás, Xose, Dani e despois Cristian, Fraga, Alex Barro, Jose e Juan.

CADETE
CD AS PONTES-CD CARIÑO (3-3)

Empate 3-3 do cadete pontés ante o Cariño nun curioso partido no que os de Rubén Pardo comezaron adiantándose 3-0 con goles de Nono, Santi e un en propia meta, pero tres goles de Alejandro antes do descanso situaron o 3-3 que pese as ocasións para ambos equipos no segundo tempo resultou definitivo.

Xogaron Juan, Xavi, Adrián, Eyob, Antonio, Nono, Jandro, Santi, Vicente, Xan, Joan e despois entraron Mario e Mohamed. Son sétimos con 10 puntos antes de visitar ó segundo Amistade de Meirás.

INFANTIL
CD AS PONTES-RACING DE FERROL B (3-3)

Todo o contrario aconteceu no encontro do equipo infantil, que comezou perdendo 0-3 e acabou logrando no tempo de desconto un valioso empate a 3-3 ante o Racing de Ferrol B, que levaba sete victorias consecutivas neste grupo dos mellores.

Quintos con 15 puntos visitan ó colista sen puntuar Perlío. Xogaron Hugo Bouza, Xose, Íker, Samuel, Mario (1), Xoel, Ángel, Diego, Hugo Blanco (1), Luis, Eloy, Francisco, Mateo, Juan, David e Sergio.

ALEVÍN
SCDR NARÓN O FREIXO-CD AS PONTES A (3-2)
CD AS PONTES B-RÁPIDO DE NEDA (0-6)

O Alevín A perdeu 3-2 en Narón, ambos goles de Antón Varela. Quintos con sete puntos, reciben ó Cedeira, oitavo con tres. O Alevín B perdeu 0-6 ante o Neda, antes de visitar Portuarios, noveno.

BENXAMÍN
CD AS PONTES A-RÁPIDO DE NEDA B (3-2)
SD LIBUNCA-CD AS PONTES B (3-4)

Vitoria do Benxamín A ante o Neda B 3-2, dous goles de Almahdi Belhaj e un de Nico Meizoso, e terceiros no grupo dos mellores con nove puntos reciben na vindeira xornada ó Eume, que ten un. O Benxamín B gañou 3-4 ó Libunca, con tres goles de Xandre Domínguez e un de Omar Penabad, e terceiros con nove puntos visitan ó Racing de Ferrol B, na mesma situación.

PREBENXAMÍN
CD AS PONTES A-RACING SAN PEDRO (8-1)
SD O VAL-CD AS PONTES B (7-2)

Goleada do Prebenxamín A 8-1 ante o San Pedro, con tres goles de Íker Díaz e Brais varela e un de Daniel Ppeña e David Otero, e sextos con seis puntos, visitan ó segundo Narón, que no duelo entre os primeiros empatou 5-5 co Caranza C. O Prebenxamín B perdeu 7-2 en Sinde, goles de Xoel Timiraos e Brais Gómez, antes de recibir ó terceiro, Perlío.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios