RIBADEUME CELEBROU AS SÚAS TRADICIONAIS FESTAS DE AGOSTO
Como en moitas vilas e parroquias galegas, un ano máis, Ribadeume, parroquia preto da vila, ven de celebrar as súas tradicionais festas patronais da Asunción e San Roque. Durante tres días, lugareños, ribadeumeses que residen fóra e visitantes gozaron dun interesante programa de festexos, que, por certo, estiveron acompañados dunha excelente climatoloxía.
Comezaron o venres cunha verbena a cargo do Trío Sesión e unha discoteca móbil. O sábado 15, o día central das festas, iniciouse cunha misa na honra á Asunción e que estivo cantada pola Rondalla de Cariño e logo realizouse a tradicional procesión pola praza da igrexa. Na sesión vermú actuou o Grupo de Gaitas de Ribadeume e o Grupo Samba. O numeroso público tivo a ocasión oportunidade de ver en directo unha demostración de artesanía de madeira de artesáns ponteses, que tiñan expostas varias pezas do seu interesante e laborioso traballo. Á noite, a segunda verbena cos grupos Samba e Fusión.
O derradeiro día das festas, comezou coa misa na honra a San Roque, continuando con música tradicional da agrupación de gaitas de Ribadeume e rematando coa sesión vermú do Grupo Aguazul. Con foguetes e os desexos de voltar de novo o vindeiro ano remataban así estas tradicionais e antigas festas de Ribadeume.
Tamén houbo competicións deportivas de fútbol-7, xogándose as semifinais o sábado, vencendo A Capela a Ribadeume por un claro 5-0 e P.Color Mix a Pub 069 por un resultado máis axustado (5-3). Na final, xogada o domingo, A Capela gañou a Color Mix por 6-2, logrando o trofeo das festas. Tamén houbo un partido entre solteiros e casados co resultado 4-3 a prol dos máis veteráns.
COÑECER RIBADEUME
Ribadeume recibe o seu nome pola súa situación en relación ó Eume, río que rega o leste da parroquia, ademais do de Maciñeira e os regos do Castro, Porto do Liño e Pena de Traste. Ocupa uns 14 quilómetros cadrados de terreo montañoso (Montouto, 566 m), agás unha pequena meseta na parte norte que fai de atalaia cara o río e val do Eume, onde viven á maior parte dos seus 227 habitantes. Como dato histórico, sinalar que en 1843 tiña 69 casas e 369 habitantes, que vivían da agricultura e gandería, facían carbón e traballaban a madeira para a construción de barcos, que exportaban para Ferrol e Pontedeume. Tiña un clima frío, pero san e distaba 9 leguas da Coruña e 15 de Santiago.
Comprende as aldeas das Seixas, O Cameleiro, Espá, A Folla Branca, A Fraga dos Cregos, As Gañidoiras, Pena de Traste, Roidiz, As Seixas, Os Ucedos e O Campo, núcleo de poboación que agrupa os lugares da Villerma, A Carreira, O Castiñeiro, O Cotillón, Os Castros, A Corredoira, O Petouto e A Pedra do Couto. Están deshabitados A Graña, O Raque e Viador.
É unha parroquia con abundancia de castros, os chamados de guarnición común moi abundantes na comarca. A igrexa parroquial tivo varias reformas e a súa espadana, de dúas campás, é do século XVIII. Á carón súa hai un cruceiro e un sartego paleocristián. Na praza principal do lugar existe un cruceiro construído no ano 1863.
Antes parroquia do concello da Capela pasou en 1983 ó de As Pontes, xunto a Bermui, A Faeira, San Pedro de Eume, Goente, Seixo e Espiñaredo. Na división eclesiástica pertence á diocese de Santiago de Compostela e arciprestado de Bezoucos, que comprende os concellos de Ares, Cabanas, Fene, Mugardos e parte da Capela.
As Pontes, agosto 2009 (AF)