TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 0 – SILVA SD 2

Vitoria cómoda do Silva nun encontro moi polémico

Derrota do As Pontes na tarde deste sábado ante o Silva por 0-2. Non deixou moi boa impresión o conxunto local ante un equipo coruñés que non tivo que facer moito para levarse os tres puntos.

Se ben os locais chegaban con moitas baixas, ó pouco do comezo lesionouse o alma mater Edi, o primeiro gol visitante chegou tras un máis que probable fora de xogo, e na segunda metade foi expulsado rigorosamente Prieto, en moitos momentos puxeron máis xogo os visitantes, xa coa salvación no peto, e con poucas posibilidades por arriba, que os azuis.

E iso que os de Marco Roca comezaban con brío, e na primeira xogada, nun pase en profundidade de David, chegou desmarcado Núñez, acabando o seu centro en córner (1´). Responderon os visitantes con unha contra nun centro dende banda esquerda que a piques estivo Edi de desviar cara a súa propia porta, pero acabou despexando (3´).

O batallador capitán, ó que nunca se lle pode reprochar a súa entrega, retirouse lesionado mediada a primeira parte, sendo sustituido por Pablo Rubio (22´).

Os visitantes daban maior sensación de perigo, e por parte local apenas resaltar un disparo alto de David (25´), e un centro do peleón Pardo, que non alcanza Núñez por pouco (35´).

Antes do descanso, e tras saque lateral de falta, en unha xogada de estratexia na que varios visitantes chegaron desmarcados, terminou rematando a gol ao segundo pau en máis que probable fora de xogo Marcos Gómez. O liña levantou o banderín, pero o colexiado terminou dandoo por válido (41´).

A pouco do comezo do segundo tempo, nun pase en profundidade do ex xogador local Kata, remata Renan axustado ó segundo pau (48´). Acabaron por torcerselle as cousas ós azuis coa expulsión de Prieto, que en propio terreo visitante, e con varios compañeiros seus por detrás del, para cortar unha contra dalle unha incomprensible tarrascada a un xogador rival, recibindo unha rigorosa vermella directa (60´).

Tiro cruzado de Pardo (65´), e boa internada do recén ingresado Álvaro con remate ó lateral da rede (72´), ata que, no último tercio do segundo tempo, tras un bo centro de Movilla dende banda dereita, cabeceou a gol chegando dende atrás Pedro (77´), firmando a sentenza.

Aínda que puideron ser máis, xa que o cadro local acabou desbaraxustado na defensa. Sen Edi, con Prieto expulsado, Abraham tocado, e Callón na grada, Paco evitou un marcador maior para o conxunto visitante.

Nun centro dende banda dereita, pasease o balón sen que ningún xogador local o despexe, e chegando dende atrás, remata Pedro, facendo un paradón o meta ferrolán (83´).

O mesmo xogador, internándose por banda dereita, regatea con comodidade a Rubén e Rubio, e cando se propón a disparar salva co corpo o lucense Diego Núñez, a pesar de proceder de Preferente, o mellor fichaxe invernal (89´).

Noutra contra é Joao quen lla cede inmellorable a Renan, pero este remata por arriba (92´). Cun disparo por alto de Marcote rematou o encontro (94´).

O Silva sitúase sétimo con 42 puntos, o que xa lle garante a permanencia, e está a sete do play off, antes de recibir ó Dubra.

Pola súa parte, o As Pontes segue antepenúltimo con 18 puntos antes de visitar ó perigoso Barco. Un conxunto azul con unha preocupante carencia de fondo de armario xa dende o comezo da tempada, non solventada no mercado invernal, e que terá que facer malabarismos para recompoñer a defensa de cara a este partido.

Desequilibra os duelos oficiais o Silva, quen suma ós seus tres triunfos como local, 1-0, 4-0 y 1-0, a súa primeira vitoria en O Poboado. Os anteriores enfrontamentos saldáronse con 3-1 e 1-0 para os azuis.

A falta de goles e triunfos, a sufrida parroquia local tentará disfrutar da Feira do Grelo e os disfraces de Antroido.

0 CD As Pontes. Paco, Criado, Buyo (Marcote 88´), Prieto, Abraham (Rubén 79´), Edi (Pablo Rubio 22´), Caique, Diego, Fran, David, Pardo.

2 Silva SD. Guillermo, Cardelle, Larusso, Guilherme, Hugo, Kata, Renan, Moure (Álvaro 65´), Movilla, Marcos Gómez (Joao 75´), Real (Pedro 71´).

Goles: 0-1, Marcos Gómez (41´). 0-2, Pedro (77´).

Árbitro: Manuel Rodríguez Barreira (Vigo). Auxiliado por Otero Domínguez e Feijoo Bautista. Expulsou con vermella directa a Prieto (60´). Amarelas a Paco, Pardo, Rubio e Moure. No descanso tamén foi expulsado o segundo entrenador pontés.

Campo e incidencias: O Poboado. Cen espectadores. 27ª xornada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios