Amigus
As Pontes

TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 1 – CLUB RÁPIDO DE BOUZAS 2

O Bouzas durme en postos de play off e o As Pontes volve a complicarse a vida

O equipo vigués da vila de Bouzas logrou no último suspiro a súa primeira vitoria en encontro oficial no Poboado ante a desesperación da sufrida parroquia local. Anteriormente, sete triunfos locais e catro empates, o máis sonado, o mítico 3-1 e 1-2 que deu a Copa de Galicia ós azuis en 1968.

O As Pontes comezou apretando, e Cañizares, a centro de Samu, estivo a piques de cabecear a gol (15´). Non se lle escapou na seguinte, cando tras outro servizo de Samuel, non despexa o suficiente Ríos, e atento Cañi remata ó fondo das mallas (19´).

Logo a tivo Bossa cun forte disparo que despexou apurado o guardamallas olívico (23´). O As Pontes, pese a non poder xogar cun dianteiro centro de referencia polas circunstancias (Amado deixou o equipo por motivos laborais, Pardo leva varias semanas lesionado e Santi tiña molestias), creaba moito perigo por bandas e ata tivo varias faltas ó borde da área que non conseguiu aproveitar. A máis perigosa, unha que lanza rasa Cañizares e toca o xusto Ríos para desviar a córner (26´).

De pouco lle serviu ó cadro local, pois tras unha falta innecesaria, un xogador desvía a bola coa man dentro da área e o posterior penalti marcao Gabi Misa na única aproximación dos vigueses en todo o primeiro período (39´). Empataba o ex internacional español sub17 que a piques estivo de xogar o Europeo da categoría que gañaron Thiago, Canales, Romeu, Montoya, Planas, Keko e Rochina, entre outros, en Turquía 2008.

Nos segundos 45 minutos presionou máis o conxunto de Bouzas, con mellor físico, aínda que non se crearon grandes ocasións. Nun bo remate de Miki, mete a perna o xusto Alex para que o balón marche a córner lamendo o pau (48´). Xa cara o final, un balón pasease pola área local, sen Marcos na porta, despexando con apuros Alex (85´).

Pero incomprensiblemente o cadro local perdeu moitos balóns no medio campo ó longo do encontro, que propiciaban as contras viguesas, e preto do final Souto aproveitou unha para facer o 1-2 definitivo tras fusilar a Marcos (88´), e deixa ós de Xurxo Otero con 46 puntos en postos de play off, aínda a pesar de ter os locais dúas faltas ó borde da área nos pés de Edi no desconto, pero non conseguiron salvar un punto.

Queda preocupada a parroquia local, con 40 puntos, con unha inminente visita ó líder Boiro, e pechando o campionato con unha triloxía que asusta, Vilalbés, Cerceda e Deportivo B, necesitando 47 para poder salvarse.

CD As Pontes. Marcos, Hugo, Alex, Nano, Dani, Adrián (Edi 67´), Óscar (Pablo Ramos 31´- Pablo Domínguez 75´), Bossa, Samu, Cañi, Toni.

Club Rápido de Bouzas. Sergio Ríos, Pablo, Coti, Portas, Benavides, Sergio Santos (Iago Pérez 60´), Miki, Gabi Misa, Oki, Vilas (Gustavo Souto 71´), Marcos (Youssef 78´).

Goles: 1-0, Cañizares (19´), 1-1, Gabi Misa, de penalti (39). 1-2, Gustavo Souto (88´).

Campo e incidencias. Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores, en tarde soleada. Retiráronse con molestias os dous irmáns Martínez Rodríguez.

Árbitro. Jose Manuel Cives Enjo (A Coruña). Auxiliado por Reborido Rodríguez e Belmonte Martell. Amoestou a Adrián, Bossa, Pablo Domínguez, Benavides, Santos, Oki e Souto.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F

También podría gustarte
Comentarios