TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 2 – SD ORDES 1

O As Pontes logra o primeiro triunfo con moito sufrimiento ante o colista Ordes.

Ao fin chegou a desexada primeira vitoria do As Pontes, e aínda que non foi sen sufrimento, a sufrida parroquia local saiu xubilosa do Campo de O Poboado, pois o equipo pontés levaba sen gañar en Liga dende a trixésimoquinta xornada da campaña anterior, 1-3 en Noia un 24 de Abril, tantos de Cañi, Santi e Pardo.

Enfrontábanse os dous únicos conxuntos da categoría que aínda non coñecían a vitoria, o As Pontes con catro puntos, e o Ordes con dous. O equipo ordense, dirixido polo gran Jaime Sánchez, Campión de Europa co Real Madrid en 1998, e de Liga co Deportivo en 2000.

Comezaron moi ben os de Marco Roca, co tanto do ferrolán Pablo Ramos, que empala un balón rexeitado por un defensa, ó fondo das mallas, entrando o esférico axustado ó segundo pau (12´). Anteriormente tamén puideron marcar Pardo nun remate ó lateral da rede tras pase de Samu (2´) e nun cabezazo tras córner, de Buyo, preto do pau (16´).

Pero o que son as cousas, o costume do equipo pontés de arriscar xogando dende atrás fixo que tras un moi mal pase, se aproveitase Monroy, que dito sexa todo regateou a dous defensas e bateu a Paco marcando un golazo (21´). Antes, o propio Monroy desfíxose de toda a zaga, quedou só ante Paco, pero disparou moi alto (17´).

Coa igualada veuse abaixo o equipo local, i é que ós ponteses médranlle os ananos. Perderon cinco puntos en dous descontos consecutivos, e noutra xogada moi arriscada atrás xa conseguira gañar o Vilalbés no derbi 0-1.
Recuperáronse un pouco ó borde do descanso. Pardo rouballe un balón en banda a Villar pero non logra aproveitalo (43´), e tras unha boa internada de David González, centra, e o propio xogador de Ortigueira remata de espuela moi apurado (46´).

Os de Marco Roca seguiron insistindo no comezo do segundo tempo. Perdían a Prieto, que anda renqueante e custalle rematar os partidos. Sustituino Álvaro, home de banda.

Lanzamento de falta de Edi que despexa como pode Villar (50´), remate de cabeza de Pardo alto tras córner (54´), e o propio Rubén controla dentro da área pero adiantaselle o gardameta (57´).

Iso si, a ocasión máis clara correu a cargo dos visitantes, i é que tras unha perda de balón de Álvaro chegou un contragolpe, centro dende banda dereita e cabecea Abel tan axustado que casi se cantou o gol (58´). O propio Abel marchase por banda e despexa Callón o seu disparo a córner (61´).

Logo Buyo realiza un centro chut que se pasea pola área visitante (63´), ou a un bo pase en profundidade de Pablo Ramos non consigue chegar Pardo por pouco (78´).

Parecía que o encontro camiñaba cara as táboas ata que Álvaro Rey se sacou un centro dende banda dereita que cabecea chegando dende atrás Edi (84´). O visitantes buscaron o empate nos últimos minutos, sen moita fortuna, e cun disparo dende o centro do campo do canteirán Rubén Riveira que salva Villar con apuros (94´) concluiu o partido.

Primeiro triunfo para un As Pontes que suma sete puntos, a catro da salvación, antes de visitar ó Vilalonga. O Ordes segue cos dous empates co Alondras e Castro, e recibirá ó Dubra, un rival directo.

O As Pontes conseguiu triunfar na undécima xornada, victoria que non puido conseguir ante o Dubra, nunha gran segunda parte, ou ante o Barco, nun gran primeiro tempo.

O anterior triunfo máis tardío dos ponteses data da campaña 1984-85, a do debut do equipo azul na Terceira División, no que o primeiro triunfo chegou en Noia na duodécima xornada, 1-2, si ben o equipo anteriormente lograra seis valiosos empates.

Nos 25 partidos oficiais en Campo de O Poboado, decimosexta victoria local, por cinco empates e catro triunfos visitantes, o último, a campaña pasada, 0-1.

2 CD As Pontes. Paco, Criado, Buyo, Callón, Edi, Prieto (Álvaro 45´), Rubio, Samu (Rubén Riveira 89´), Rubén Pardo, David González, Pablo Ramos (Morrys 82´).

1 Ordes SD. Villar, Puyi, Pablo Vidal, Adrián Vázquez, Rubén, César, Monroy, Misik (Jacobo 85´), Kevin Stiven, Martín (Víctor Hervés 48´), Abel (Matías 75´).

Goles: 1-0, Pablo Ramos (12´), 1-1, Monroy (21´), 2-1, Edi (84´).

Árbitro: Daniel Hernández González (Ourense). Auxiliado nas bandas por Pérez Dapia e Mazaira Rodríguez. Amarelas a César, Abel e Víctor.

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores en tarde moi soleada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios